Skip to main content
RiotortoRiotorto AMARIÑAXA

Os veciños de Órrea inauguran unha área recreativa en Casanova

Por 7 Setembro, 2023Sin comentarios

O domingo, 10 de setembro, ás 12.00 horas, a Asociación de Veciños e veciñas de Sta Comba da Orrea inaugura a área recreativa situada na fonte do lugar da Casanova, na ribeira do río Mourín e a carón da N-640, aproximadamente no seu fito quilométrico 49.

Trátase dun lugar con grande atractivo paisaxístico, con vexetación autóctona e, obviamente, con auga permanente, tanto a do propio río Mourín como a da fonte da que se serviron os veciños e veciñas do lugar da Casanova ao longo dos tempos. A paraxe conservouse nun estado virxe que fixo posible que, con adaptacións o menos agresivas posibles, fose preparada como lugar no que veciños/as e visitantes poidan gozar dun lugar único.

As obras de acondicionamento foron realizadas ata por catro empresas especializadas (Xelda-Eido Rural, Construcións Santa Apolonia, Rofer-Servizos Forestais e Antonio Otero Trigo-Servizos Forestais), contaron co financiamento da Deputación Provincial de Lugo, e foron realizadas nunha masa común cedida para a ocasión polo Concello de Riotorto.

No acto de inauguiración estarán presentes, ademais dos veciños e veciñas de Santa Comba da Órrea, responsables das catro empresas que realizaron os traballos e representantes de diferentes asociacións e colectivos da comarca. O acto estará presidido polo Deputado responsable da Área de Promoción Económica e Social, don Pablo Rivera Capón, e polo Alcalde do Concello de Riotorto, don Clemente Iglesias González, ademais da Presidenta da Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, dona Colombina Sobrado Rodríguez.