Skip to main content
RiotortoRiotorto AMARIÑAXA

A Deputación investiu na renovación da área recreativa de Casanova

Por 11 Setembro, 2023Sin comentarios

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este domingo na inauguración da área recreativa da Fonte da Casanova, en Riotorto, renovada grazas á axuda que a Deputación de Lugo concedeu á Asociación de Veciños de Santa Comba da Órrea. A institución provincial achegou máis de 4.000€, o 95% dos fondos necesarios para acometer esta actuación, a través do Programa para a Dotación e mellora de Servizos Comunitarios do 2021.

Entre as actuacións realizadas neste espazo natural de lecer está a creación dun pequeno canal dende a fonte para permitir o paso de persoas neste treito, a adecuación e mellora da accesibilidade, sendo necesaria a eliminación de irregularidades na terra para facilitar o tránsito, e a recuperación do Camiño da Igrexa, que dá acceso ao templo relixioso. Tamén se rehabilitou a ponte da Fonte de Casanova, instalando novos pasos de madeira e unha baranda que aumenta a seguridade dos usuarios.

Rivera Capón destacou a importancia de renovar este espazo “para potenciar o rural e fomentar o turismo sostible, de proximidade, que busca vivir novas experiencias e pon en valor o patrimonio”, e destacou que este modelo, polo que aposta a Deputación de Lugo, xera riqueza a través do aproveitamento dos recursos.

Acompañado da veciñanza e representantes da entidade riotortense reafirmou tamén o compromiso provincial para “achegar máis e mellores servizos aos veciños e veciñas dos 67 concellos da provincia. Un obxectivo para acadar unha mellor calidade de vida, dinamizar a economía e contribuír así a fixar poboación”.

No acto tamén estiveron presentes a presidenta da agrupación, Colombina Sobrado, e a voceira, Hilda Murado, que trasladaron ao Deputado o seu agradecemento por apostar polo rural dende o ente provincial.

1,6M€ en Riotorto

A Deputación de Lugo leva investido en Riotorto máis de 1,6M€ dende o 2019 ata a actualidade. O investimento foi destinado principalmente para a mellora de vías municipais, a contratación de persoal municipal e o servizo de axuda a domicilio. Outra parte importante dos fondos provinciais foron para a renovación do firme das estrada provincial que vai de Paraxes a Lourenzá, por Bretoña e Muiñonovo, e a que comunica Augaxosa e Trabada, cun orzamento de 660.000€.

Entre as actuacións levadas a cabo estes anos, tamén se investiu en actividades que permitiron á veciñanza beneficiarse de diferentes actividades e melloras como viaxes ou o acondicionamento do almacén no local social da Asociación de Veciños de Augaxosa.