Skip to main content
Deportes TERRACHÁXAVilalba

O PP reclama financiamento para instalar novo alumeado no estadio da Magdalena

Por 27 Setembro, 2023Sin comentarios

O Grupo Municipal do PP de Vilalba pedirá no vindeiro pleno que o goberno local realice os trámites oportunos para conseguir financiamento para a instalación do novo alumeado para o estadio municipal da Magdalena, tal e como require a Real Federación Española de Fútbol para que o Racing Club Villalbés poida disputar na casa os partidos da 2ª RFEF.

Os populares propoñen, concretamente, que o Concello de Vilalba, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia unifiquen esforzos para achegar cada unha das administracións a terceira parte do total do financiamento necesario. É dicir, “que as tres administracións acheguen financiamento a partes iguais”.

Os concelleiros do Partido Popular comprometéronse a atender as demandas dos vilalbeses e, tras coñecer as necesidades do Club, trasladan esta proposta a pleno co obxectivo de lograr o apoio da maioría da corporación municipal “para que o Villalbés poida disputar na Magdalena os seus partidos como local” de forma que “os veciños poidan disfrutar dos partidos do Villalbés no seu propio municipio e que se continúe a difundir o nome de Vilalba por todo o país”.

Un dos requisitos da RFEF para os equipos da 2ª RFEF á que vén de ascender o Villalbés -sendo o único club da provincia cun equipo na cuarta categoría do fútbol español- é que o estadio dispoña de iluminación suficiente para a disputa dun partido oficial en horario nocturno e con luminosidade suficiente (mínimo 500 luxes) para cando o partido deba ser emitido por televisión en horario nocturno.

MÁIS ENTIDADES BENEFICIADAS

Os populares defenden tamén que “outras entidades deportivas se poidan beneficiar tamén desta nova instalación lumínica” xa que se aumentaría a franxa horaria na que poder empregar este espazo para a práctica doutro tipo de deportes.