Skip to main content
Xermade

Arranca en Xermade unha nova edición do Encontro de Torneiros

Por 14 Setembro, 2023Setembro 15th, 2023Sin comentarios

Esta fin de semana dará comezo en Xermade o 23º Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, entre o venres e o domingo, no polideportivo da localidade chairega. Un encontro que contará unha edición máis con destacados profesionais do mundo da tornería, exposicións de obras de artesanía e demostracións en vivo.

Este ano, o encontro contará con expertos e profesionais da tornería como o inglés Stewart Furini, o francés Jean Claude Charpignon, o malagueño Francisco Boyero e o galego Lolo Castro. Así mesmo, haberá exhibicións de pezas, demostracións en vivo e puntos de venda de distintos produtos artesanais de madeira.

A programación dará comezo este venres a partir das 10.30 horas coa celebración dos obradoiros dos artesáns e da exposición de pezas destes artistas.

O acto oficial será ás 13.00 horas, coa inauguración. As sesións terán lugar de 10.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas. Tamen co mesmo horario abrirá o sábado a XV Exposición CONtornos.

O domingo está previsto que a feira remate ás 13.00 horas con obradoiros pola mañá e as dúas exposicións abertas.

DEPUTACIÓN

A Deputación de Lugo incrementa en máis dun 30€, ata os 9.000€ a achega económica, a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos, para a organización desta cita coa que colabora ano tras ano. Rivera Capón destacou o compromiso da institución con este encontro “pola proxección nacional e internacional que supón non só para Xermade, senón para o conxunto da provincia”, pois durante catro días “convértese no referente mundial da tornería, contribuíndo a visibilizar este oficio tradicional e demostrando cada edición que está máis vivo ca nunca”.

Así mesmo, xunto á tradición, sinalou o deputado, “estes encontros teñen un compoñente moi importante na innovación, tanto no ornamental como no funcional. O uso da madeira está en auxe, e nos últimos anos cada vez é maior a súa presenza en sectores como o da construción”.

Destacou o gran potencial da provincia de Lugo no sector madeireiro, que conta case coa terceira parte da superficie forestal de Galicia. Desta forma, engadiu, “debemos apostar por este sector e reforzalo, polo que supón para o noso Produto Interior Bruto, pero tamén polo seu impacto positivo en asuntos transversais como o equilibrio territorial, a loita contra os lumes ou na loita contra o reto demográfico, xa que este sector atrae empresas ao rural e xera novas oportunidades de emprego para a mocidade”, subliñou Pablo Rivera.

Rivera Capón felicitou ao alcalde polo bo traballo que está a facer o Concello de Xermade e aseverou que esta nova edición “volverá ser todo un éxito”. O Deputado animou aos veciños da provincia a achegarse á localidade o próximo mes de setembro e ser partícipes “dunha oportunidade única para desfrutar dun espectáculo en vivo cos mellores artistas do mundo da tornería”.