Skip to main content
A PontenovaDeportes AMARIÑAXA

O Concello da Pontenova crea un paso tibetano e novas rutas de sendeirismo

Por 9 Outubro, 2023Outubro 10th, 2023Sin comentarios

O Concello segue en proceso de creación de novas rutas de sendeirismo e de poñer en valor o seu patrimonio natural e etnográfico.

Así, veñen de poñer en marcha un paso tibetano, que consiste en varios cables de aceiro, un inferior polo que se avanza camiñando e outros superiores que se agarran coas mans e con arneses. Esta ponte colgante conta cunha lonxitude duns 30 metros e salva unha caída de case 40 metros. “Aínda temos que limpar por debaixo das penas para que sexa máis espectacular”, din dende o Concello.

“Queremos que sexa parte do trazado da nova ruta das minas. O trazado antigo deixarase para a xente que non teña unha forma física adecuada para facela nova”, engaden.

Por outra banda, o Concello construíu un circuíto infantil de tirolinas cun espazo de recreo familiar, fíxose un miradoiro nas Penas do Castelo, creouse un criadeiro de especies vexetais amenazadas, e colocouse unha vía ferrata no interior da calicata da Mina Consuelo.

Con estas obras créanse tres opcións da mesma ruta a de Penas do Castelo de dificultade baixa, a vía ferrata que é media e a da calicata, que ten maior lonxitude e transcorre por zonas abruptas.

“Podes facer a ruta mirando a trincheira, podes facer a opción de meterte ao camiño guiado pola calicata, e tamén pódese facer a trincheira con camiño guiado e completalo con a ponte tibetano”, engaden.

Todas estas obras están enfocadas nunha clara aposta polo turismo de aventura e natureza e o paso mineiro como denominador común.