Skip to main content
Burela

Burela acolle desde mañá o congreso sobre palangre de superficie

Por 26 Outubro, 2023Sin comentarios

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela organiza os días 26 e 27 de outubro o Congreso ‘Os Grandes Migradores: xestión sostible e nutrición’, no que se tratarán diferentes temas que afectan á frota de palangre de superficie, como a xestión pesqueira sostible; a dixitalización e comunicacións máis eficientes; as boas prácticas pesqueiras; ou a seguridade alimentaria, nutrición e saúde.

No evento participarán representantes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA); do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO); do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC); e outras entidades públicas e privadas, como Europeche, Fip Blues, BridLife, ETF, AECOC, ou as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

Durante a tarde do xoves e a mañá do venres, no salón de actos de Armadores de Burela analizaranse as principais cuestións que afectan ao palangre de superficie, como a introdución da tintorera en CITES a partir do 25 novembro e outros asuntos de máximo interese.

Máis de cen profesionais do sector están xa inscritos para asistir tanto de forma presencial como a distancia nun evento que tamén se poderá seguir en directo a través da web www.oppburela.com/congreso2023.

Esta acción está cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á rastrexabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.