Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAFozRibadeoTrabada

Os alcaldes de Trabada, Ribadeo e Foz analizaron as liñas de colaboración para a recuperación do territorio afectado polo lume

Por 26 Outubro, 2023Sin comentarios

Por parte da Consellería elaborarase un informe técnico detallado sobre o estado da masa arborada afectada, que servirá de base para planificar as actuacións oportunas en relación coa recuperación post incendio.

Os alcaldes de Ribadeo, Daniel Vega, Trabada, Mayra García, e de Foz, Francisco Cajoto, mantiveron unha xuntanza co conselleiro do Medio Rural, José González, e os directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, para tratar a situación e os pasos a seguir tras os lumes que se rexistraron recentemente nos montes destes municipios da Mariña.

Na xuntanza avanzouse que por parte da Consellería do Medio Rural elaborarase un informe técnico sobre o estado da masa arborada afectada. Esta información detallada servirá para planificar as actuacións oportunas en relación coa recuperación post incendio. Ademais, programaranse diferentes charlas cos propietarios forestais afectados para axudalos a optimizar a xestión das áreas das que son titulares.

A maiores, abordarase cos diferentes organismos sectoriais implicados a axilización das cortas de madeira, co fin de aproveitar este recurso da mellor maneira posible. No encontro tratouse tamén, cun enfoque máis a longo prazo, a planificación integral do territorio, na procura de avanzar cara a fórmulas que afonden en seguir mellorando a xestión forestal, cun enfoque sustentable tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental.

Fran Cajoto explica que “A Mariña, xunto ao norte da Coruña, é o principal centro produtor de eucalipto de España. Os montes son a hucha de moitas familias e debemos coidalos. Estes incendios foron un aviso de que hai que mellorar a xestión e facelo con urxencia”.

O alcalde de Foz defende unha profesionalización do servizo de prevención e defensa contra o lume: “as competencias en montes e aproveitamentos forestais é da Xunta de Galicia. O modelo de convenios cos concellos para crear brigadas municipais con persoas en paro durante dous ou tres meses quedou desfasado; non resulta atractivo un traballo unicamente para dous meses e as prazas quedan desertas”. O rexedor focego aposta por máis persoal e máis profesionalizado, contratado directamente pola Xunta de Galicia. “Os incendios na Mariña foron en outubro. Precisamos de persoal profesional e contratado todo o ano que en momentos de baixo risco de incendios faga tarefas de prevención, como desbroces ou acondicionamento de depósitos de auga”, engade Cajoto.

Ademais, todos reclamaron un estudo “para analizar  a mellora e ampliación dos depósitos, hidrantes e puntos de captación do distrito e definir camiños principais ou prioritarios para zonificar os montes e que sirvan de cortalumes. Hai outros aspectos da xestión forestal como a dos puntos de carga de madeira que non podemos esquecer, para que a actividade da saca de madeira non prexudique aos veciños da zona. Pedimos investimento real, que os mapas de franxas de protección se completen coas vivendas illadas. Falamos do papel fundamental que tiveron na extinción dos incendios de Foz as cisternas dos gandeiros da zona e o conselleiro avanzou a intención de incluílas nos operativos dunha forma máis profesional, con comunicación directa cos postos de mando, para evitar riscos. Tamén se programarán desde a Consellería xornadas informativas nos concellos afectados para informalos e asesoralos na venta da madeira queimada e na repoboación dos montes”.