Skip to main content
FozMar AMARIÑAXA

O alcalde de Foz tratou con Portos a cesión de terreos portuarios e a ampliación de Porto Chico

Por 27 Outubro, 2023Sin comentarios

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo en Santiago unha reunión de traballo co director de Portos de Galicia, Roi Fernández Añón. Na xuntanza, de carácter técnico, participaron tamén a xefa da Área de Explotación e Planificación de Portos, Sabela Calzadilla, e a técnico de Medio Ambiente do Concello de Foz. Trataron asuntos como a cesión de terreos portuarios que hai no municipio e a ampliación de Porto Chico, entre outros temas.

Fran Cajoto explica que “a reunión, celebrada a petición do Concello de Foz, permitiu avanzar no convenio a tres bandas que o Concello debe asinar con Portos de Galicia e Augas de Galicia para a construción do novo tanque de tormentas da futura depuradora en terreos portuarios. Solicitámoslle a Portos incluír no convenio a conservación da nave da actual depuradora. Sería unha mágoa demolela porque está en bo estado e o Concello precisa de espazos para os servizos que presta. A propia Protección Civil necesita un centro operativo, cun sitio axeitado para gardar a cuberto a lancha pneumática. Teño que agradecer a boa disposición que tivo o director para ter estas necesidades en conta”.

Ademais o Concello de Foz demandoulle a Portos de Galicia axilidade no cumprimento do convenio asinado coa FEGAMP no ano 2021, polo que os espazos portuarios que actualmente non teñen actividade náutica serían cedidos aos concellos a través da Dirección Xeral de Costas. “Co cumprimento do convenio evitaríamos o elevado pago (máis de 120.000 euros ao ano) que o Concello debe aboar a Portos de Galicia. Falamos tamén do estacionamento de autocaravanas e da necesidade de ordenalo. O compromiso é traballar para intentar definir uns tempos máximos de estacionamento nun espazo ben delimitado e cunha contraprestación por uns servizos que mellorarían para os visitantes”, comentou o rexedor municipal.

Respecto á ampliación do peirao de Porto Chico, Cajoto indica que “os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2024 unicamente prevén 25.000 euros, que se investirán nun proxecto básico. Demandámoslle ao director de Portos formar parte da redacción dese proxecto, xa que é unha área moi sensible, de paseo, e hai que compatibilizar a ampliación da dársena cun vial máis cómodo para os vehículos e unha senda máis ampla e segura para os peóns. En calquera caso o investimento para o 2024 nun proxecto desta envergadura é moi pequena, diría que decepcionante, polo que non prevemos avances significativos”.

Outros temas que se trataron foi o estudo da consolidación do valado no Camiño do Curbeiro (estacionamento de Valle Inclán), a prolongación da varanda en toda a lonxitude da explanada portuaria e a conservación do mural da Fábrica de Xeo. “Sabemos da importancia que ten o Mural das Pescantinas na nosa vila e solicitamos por escrito a súa conservación no ano 2020. A intención do Concello é trasladalo cando se demola a fábrica”, explicou o alcalde.

O Concello de Foz tamén requiriu ao director de Portos o arranxo do firme na explanada portuaria, que se encontra en pésimo estado. “Trasladounos que se vai a facer unha tripla rega asfáltica sobre base de macadam. Arranxar o firme da explanada debe ser unha prioridade, agora mesmo é un perigo”, manifesta Fran Cajoto.