Skip to main content
Lourenzá

Lourenzá réndese á súa raíña, a faba

Por 1 Outubro, 2023Sin comentarios

Lourenzá acolleu a celebración da XXXI Festa da Faba e que incluiu como novidade o Faba Fest. Unha cita coa que todo o municipio exalta durante esta fin de semana o seu produto gastronómico estrela co apoio da Deputación de Lugo.

A deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, e o deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, tamén alcaldes de Trabada e Foz, respectivamente, asistiron xunto a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López.

Os deputados estiveron presentes nun pregón que este ano foi moi especial porque o actor do grupo Avelaíña Teatro Xulio Leal leu o texto que. no seu día e nesta mesma festa, ofrecera o laurentino Francisco Fernández del Riego en 1998. Logo, percorreron a zona de expositores na Praza do Conde Santo, onde comprobaron e eloxiaron a “alta calidade deste produto que xa está presente dentro das cartas máis exquisitas do país”. “É un ben moi apreciado que se pode maridar case con calquera produto, unha proxección á que contribuíu de maneira fundamental o distintivo de Indicación Xeográfica Protexida”. Nese senso, puxeron en valor o traballo dos fabeiros e fabeiras “porque son a semente, e nunca mellor dito, do produto que hoxe temos aquí, é un traballo de fondo que converte a Lourenzá na capital da Faba”.

Tamén puxeron o foco na importancia que ten este evento na visibilización do produto rei laurentino. “A faba é moi importante para economía local, tanto hoxe que vemos a vila chea de xente, coma en calquera época do ano porque é un factor de singularidade turística, capaz de atraer visitantes e de xerar riqueza na provincia”. Respecto a iso, concretaron que este tipo de turismo é o que fomenta e impulsa a Deputación, un modelo “sostible, de calidade, de experiencias, que pon en valor o noso patrimonio e a nosa gastronomía e que deixa valor no territorio, en termos económicos e de emprego”.

A Deputación de Lugo colabora coa festa a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos cunha achega de 14.000€. A programación xa arrancou onte, coa novidade do festival musical Faba Fest, e prolongarase ata mañá domingo. Este ano, ademais, conta cun tren turístico que percorre a Ruta das Fabas e moitas actividades, como música, concentración de vehículos clásicos e, sobre todo, moita gastronomía focalizada na faba. Durante a fin de semana os bares de Lourenzá tamén servirán tapas elaboradas con fabas.