Skip to main content
Lourenzá

O Concello de Lourenzá abre as inscricións para os concursos da III Feira do Cabalo

Por 11 Outubro, 2023Outubro 12th, 2023Sin comentarios

O vindeiro domingo 29 de outubro Lourenzá acollerá a súa terceira cita ecuestre no recinto feiral de Vilanova de Lourenzá, a Feira do Cabalo. O evento, que destaca precisamente pola súa variedade de concursos, xa ten as súas inscricións abertas para todos os que queiran participar ata o vindeiro 25 de outubro ás 23.59 horas.

Nesta cita poderase gozar das finais do Campionato Morfolóxico Oficial de Eguas PRG e da do Campionato Morfolóxico Oficial Sementais PRG. Estas citas contan cunha variedade de premios que van desde os 120 euros e trofeo para o primeiro posto, ata os 30 euros e unha medalla para o que ocupe a quinta posición.

Tamén se poderá vivir a final do Campionato Morfolóxico Oficial Poldros PRG e do Concurso Morfo-Funcional Poldros CMG. Estas dúas propostas contan con premios para os tres primeiros clasificados que van desde os 90 euros e trofeo para os gañadores ata 50 euros e unha medalla para o que ocupe a terceira posición.

En Lourenzá tamén se organizará o II Campionato Cabalo Marchador Galego Trofeo Lourenzá, que ofrece obsequios para os seis mellores. O primeiro clasificado farase con 75 euros e un trofeo. Tampouco poden faltar os premios por categoría serrada e chapeada e trofeos especiais ao maior número de cabezas e gando vacún, maior número de cabezas de gando cabalar e ao exemplar mellor engalanado ó xeito tradicional.

Estes eventos súmanse ao cartel da feira, que dará comezo ás 8.30 horas e que contará con exhibicións multirracial de andadura e paseos a cabalo para os nenos e nenas ao longo de toda a mañá.