Skip to main content
Lourenzá

O CEIP Juan Rey de Lourenzá recibe un premio da RAG pola súa homenaxe a Fernández del Riego

Por 18 Outubro, 2023Outubro 19th, 2023Sin comentarios

O CEIP Juan Rey de Lourenzá, a localidade natal de Francisco Fernández del Riego, protagonista do pasado 17 de maio, recolleu este martes o premio Contádenos o voso Día das Letras 2023. O galardón estaba convocado pola Real Academia Galega ao abeiro de Primavera das Letras, o proxecto web da institución dirixido ao público infantil co apoio da Deputación da Coruña.

O colexio celebrou as Letras Galegas do seu veciño ilustre dende o comezo do curso pasado cunha morea de iniciativas resumidas no número especial da súa revista, O Tremoal, que serviu de guía aos pícaros e pícaras que recolleron o galardón para a súa escola.

O equipo da biblioteca desenvolveu no primeiro trimestre o proxecto Desde a fiestra de don Paco, con máis de oitenta actividades de todo tipo. Co Dicionario trangalleiro inventaron palabras seguindo as normas da lingua, elaboraron unha audioguía sobre a vida do homenaxeado, afondaron no mundo dos xogos tradicionais da súa infancia a través das achegas dos estudosos locais Xosé López e Xosé Manuel García e practicaron o xénero epistolar que don Paco cultivou escribíndolles cartas aos Reis Magos.

Protagonismo do alumnado

O acto de entrega dos galardóns foi unha nova celebración da figura de Francisco Fernández del Riego e tamén un recoñecemento da RAG ao traballo que realizan os mestres e mestras para divulgaren as letras galegas dende as escolas e promoveren o uso da lingua galega entre os cativos e cativas. O protagonismo do acto recaeu nos nenos e nenas dos tres centros educativos, entre os que tamén estaban os colexios da Espiñeira-Aldán (Cangas) e o Juan Fernández Latorre (A Coruña).

“Vós sodes fundamentais para o futuro da nosa lingua. O profesorado dos centros de educación infantil e primaria tendes a capacidade, xunto coas familias, de chantar os esteos do idioma e do primeiro achegamento á cultura de noso”, agradeceu o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, no acto desenvolvido na Fundación Luis Seoane.

A académica Fina Casalderrey, responsable de Primavera das Letras, destacou tamén “a creatividade, o tempo e a ilusión contaxiosa” que os mestres e mestras empregan nestes obxectivos e agradeceulles o diálogo que manteñen co proxecto. “Vós sodes a verdadeira primavera das letras porque cando falades en galego, xogades en galego, cantades en galego convertédesvos en novos gromos para a lingua”, díxolles aos alumnos e alumnas.