Skip to main content
Ribadeo

Ribadeo levará a cabo unha campaña de desratización na zona vella e en Rinlo tras as queixas veciñais

Por 10 Outubro, 2023Outubro 11th, 2023Sin comentarios

O Concello de Ribadeo levará a cabo unha campaña de desratización na zona vella de Ribadeo e tamén en Rinlo. Esta actuación débese ao problema de roedores que pretenden erradicar nesas zonas.

O alcalde, Dani Vega, asegurou que pretenden poñerlle solución tras os animais detectados: “Seguimos traballando e mellorando o Ribadeo que queremos todos. Neste caso estamos actuando tanto na zona vella de Ribadeo como en Rinlo desratizando. Hai un problema importante de roedores, de ratas, e debemos poñerlle solución”. Esta actuación ponse en marcha tras a inquedanza veciñal: “Así nolo trasladaron os veciños, tanto de Rinlo como da zona vella, e nós actuamos de urxencia”.

Ademais, Vega subliñou que neste momento estase a actuar “por todas as rúas e iremos vendo os resultados nos vindeiros días”. O alcalde anunciou unha campaña de limpeza profunda nas rúas desas dúas zonas rematada a desratización: “Cremos que é bo facer unha limpeza profunda tanto na zona vella como en Rinlo. Estes traballos comezarán cando rematemos esta desratización”.

Deste xeito, actuarán “limpando e mellorando puntos turísticos e tamén puntos onde viven moitas persoas que se queixan de que certamente nos últimos anos estaban un pouco abandonadas”. Dani Veiga quixo trasladar a necesidade de mantemento constante que precisa o entorno: “ As rúas deben ser sometidas a unha limpeza importante e despois a unha conservación. Non é limpar e esquecernos de volver. Hai que actuar constantemente”.