Skip to main content
Ribadeo

Ribadeo pon en marcha unha biblioteca rural en Cinxe que conta polo de agora con 1000 libros

Por 30 Outubro, 2023Sin comentarios

Ribadeo ven de poñer en marcha un novo servizo para a súa veciñanza, unha biblioteca rural de Cinxe. Esta nova biblioteca conta cun fondo de 1000 libros reunidos grazas a doazóns veciñais e á adquisición de novos exemplares realizada polo Concello de Ribadeo. Novelas, relatos, libros de poesía, teatro, autoaxuda, cómic, literatura infantil, xuvenil, adolescente, primeiros lectores, historia, política e libros en inglés, que se reparten nos andeis que ocupan unha das paredes da escola, que está equipada cun ordenador para facilitar a súa xestión.

No acto de inauguración a edil ribadense manifestou que “o obxectivo principal deste proxecto é facilitar aos veciños e veciñas de Cinxe o acceso á información, á cultura e á formación permanente, poñendo á súa disposición esta colección organizada de materiais bibliográficos. Esperamos e desexamos que este lugar, idóneo para consultar, ler, estudar e descubrir coñecementos, se converta nun motor dinamizador da actividade sociocultural desta parroquia”.

Begoña Sanjurjo dixo que “as bibliotecas, pequenas ou grandes, son moito máis que libros. Son espazos vivos, e especialmente no medio rural, son un servizo social e cultural básico, un espazo de reunión. Xerar unha dinámica cultural é importante, e de aí o papel que xoga este proxecto que se continuará nos próximos meses coa instalación de novas bibliotecas noutras  parroquias do noso concello”.

A concelleira de Educación e Cultural felicitou aos alumnos/traballadores da especialidade de Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais do Obradoiro de emprego Tecendo Coidados “polo traballo na selección, clasificación e organización da biblioteca así como polas numerosas iniciativas culturais de diversa índole que poñerán en marcha proximamente: sesións de contacontos, talleres de manualidades, clubs de lectura, exposicións, etc, que enriquecerán a vida cultural desta e de todas as demais parroquias de Ribadeo”.