Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro demanda á Xunta a construción dunha vía de alta capacidade

Por 1 Outubro, 2023Sin comentarios

O Concello de Viveiro levará ao Pleno do próximo mércores unha proposta impulsada polo goberno local na que insta á Xunta de Galicia “a realizar as xestións e os trámites necesarios para a construción dunha vía de alta capacidade que enlace Viveiro co resto do territorio”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.

A tenente de alcaldesa, Miriam Bermúdez, sostén pola súa parte que “solicitamos á Axencia Galega de Infraestruturas que, á maior brevidade posible, convoque a este concello a unha reunión, coa presenza de todos os grupos municipais, para coñecer as previsións existentes ao respecto”.

No ano 2006, o Consello da Xunta de Galicia (cun goberno bipartito PSOE-BNG) aprobou o trazado da Vía de Alta Capacidade ao seu paso por Viveiro. Este trazado fora consensuado coa veciñanza, aprobado no Pleno do Concello de Viveiro, aprobado no pleno da Deputación de Lugo e contaba con todos os informes e co estudo de impacto ambiental.

Houbo un cambio de goberno na Xunta de Galicia e xusto despois da formación do novo goberno autonómico, de xeito inesperado e sen ningún tipo de comunicación previa, o 5 de agosto de 2010 chegou ao concello, para a súa exposición pública, un novo proxecto que recollía un novo trazado, contrario ao consensuado e no que se contemplaba a existencia dun enlace con Viveiro en Magazos.

Nas numerosas accións contra este novo trazado, o goberno local sempre deixou claras cales eran as razóns polas que se opoñía a ese novo proxecto imposto e sen consenso. Ademais, dende o concello solicitáronse diversas reunións cos responsables da área de infraestruturas para tratar esta cuestión.

Pasados os anos, en 2018, a Xunta de Galicia informou da existencia dunha nova proposta consistente na construción dunha ponte sobre a ría. Sobre este novo proxecto, o Concello de Viveiro non chegou a recibir en ningún momento a documentación necesaria para coñecer, de forma concreta, as características desta alternativa.

O goberno municipal considera que a existencia dunha vía de alta capacidade vertebradora que conecte Viveiro co resto de Galicia e do estado español “é fundamental para garantir o futuro deste municipio”.

O Concello de Viveiro, como cabeceira de comarca e terceiro municipio da provicincia por poboación, non pode permitirse a inexistencia dunha vía de alta de capacidade.

“Estamos a disposición da Xunta de Galicia para reunirnos e buscar unha solución definitiva para lograr que este municipio poida disponer dunha vía de alta capacidade, unha infraestrutura que consideramos esencial e urxente”, engaden Loureiro e Bermúdez.