Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

Comezou a montaxe dos asentos no Pazo dos Deportes polo fondo estadio

Por 17 Outubro, 2023Outubro 18th, 2023Sin comentarios

O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro achegouse este luns ao Pazo dos Deportes para seguir o avance das tarefas de instalación dos novos asentos.

Tras realizar na pasada semana o traballo de carpintería, a empresa adxudicataria comezou a montaxe das novas cadeiras nas localidades, coa previsión de ter renovado o chamado “fondo estadio” para o partido do vindeiro mércores entre CB Breogán e Bursaspor da competición europea Basketball Champions League (BCL).

Os traballos de montaxe continuarán nas vindeiras semanas, ata completar renovación das bancadas da metade inferior, tanto as localidades que teñen asentos grises como as que non teñen asento. Instalaranse 2.000 novos asentos, de cor azul e con respaldo pregable.

As tarefas desenvolveranse por fases, tendo en conta o calendario de encontros nas próximas semanas, tal e como se acordou coa empresa e cos clubs. O obxectivo é que o Pazo manteña a capacidade nos días nos que se disputen os partidos de CB Breogán e Ensino.

A Vicepresidencia da Deputacíon de Lugo destina 171.000 euros a esta actuación que dá continuidade ás melloras que se realizaron nos últimos meses, coa substitución das luminarias antigas por outras de tecnoloxía LED, que melloraron a eficiencia enerxética e a iluminación da pista tanto para público como para as retransmisións televisivas.

A renovación dos asentos e as luminarias no Pazo dos Deportes e a instalación dun novo pavimento no Anexo, en marcha desde a pasada semana, son as actuacións máis ambiciosas que se desenvolveron nas instalacións deportivas provinciais – fundamentais para o baloncesto da cidade – desde que se construíron, fai tres décadas no caso do Pazo e dúas no caso do Anexo.