Skip to main content
Lugo

A maxia das parroquias: San Martiño de Poutomillos

Por 8 Outubro, 2023Outubro 9th, 2023Sin comentarios

A espadana é o elemento máis destacado da igrexa parroquial polo seu gran tamaño en comparación coa nave

A parroquia de San Martiño de Poutomillos está situada ao sudoeste da cidade de Lugo a unha distancia de 10 quilómetros e moi preto das parroquias do Burgo e de Bacurín.

Esta parroquia aparece xa citada en documentación datada do ano 1129 onde se nomea como Sancti Martini de Puctimilios o que dá conta da antigüidade de San Martín como patrón da mesma.

Na actualidade esta parroquia esta formada por catro núcleos de poboación O Carballo, Recimil, A Uceira e Vilar. En total, estas unidade poboacionais suman 27 habitantes dos cales doce son homes e quince mulleres. O núcleo que alberga máis poboación é O Carballo con dez mentres que A Uceira conta con só tres habitantes e é o menos poboado.

O principal reclamo de San Martiño de Poutomillos é a súa igrexa parroquial, unha construción sinxela de estilo barroco rural que foi reformada durante o século XX. Esta igrexa conta cunha soa nave rectangular con cuberta de lousa a dúas augas.

A espadana é o elemento máis destacado desta construción xa que posúe un gran tamaño en comparación coa nave, e que conta con dous arcos de medio punto na parte inferior rematados con catro pináculos e unha cruz no centro situada tamén sobre un arco de medio punto.

Unha porta única na fachada principal, alintelada, dá acceso a un interior con cuberta e coro de madeira e un arco de descarga de medio punto sobre pilastras. O altar maior conta cunha cuberta a catro augas e un arco triunfal de medio punto, tamén sobre pilastras con imposta moldurada. A sacristía atópase pegada ao lado esquerdo deste altar maior.

No interior da igrexa parroquial de San Martiño de Poutomillos atópanse varios retablos. De máis de tres metros de ancho o retablo maior é de estilo neoclásico, con catro columnas compostas, no que se poden apreciar as figuras de San Martín, do século XVII, do neno Xesús no século XIX e de San Sebastián unha escultura pintada en 1975 segundo consta na peaña pero que pode datar do século XVI.

O retablo de lateral esquerdo é da segunda metade do século XVII e actualmente non se atopa en bo estado de conservación. De metro e medio de ancho conta cun releve das ánimas do purgatorio. O retablo do lateral dereito está datado da última década do século XVII e unha inscrición nel di “Hesta obra se izo a costa de la fabrica siendo cura el licenciado Div° Teixeiro. Año de 1699”. Tamén bastante deteriorado ten un metro e medio de ancho e unha imaxe de San Antonio datada do século XVIII.

A parroquia de San Martiño de Poutomillos garda outras construcións de interese como o pazo de Recimil. Esta vivenda xa foi documentada no ano 1229 como unha casa fidalga con perpiaños de granito e que foi utilizada como residencia de verán polo bispo de Lugo Cayetano Gil Taboada. Dentro dos elementos protexidos tamén podemos atopar a cruz de San Antonio, en bo estado de conservación dun metro vinte de tamaño e que está vinculada coa existencia dunha capela adicada a San Antonio hoxe xa desaparecida.