Skip to main content
Lugo

A maxia das parroquias: Santiago de Saa

Por 15 Outubro, 2023Outubro 16th, 2023Sin comentarios

Santiago de Saa é unha das parroquias ubicadas dentro do concello de Lugo que conta na actualidade cun total de 171 habitantes divididos en nove núcleos de poboación, Barreiro, Castro Alfonsín, Cuíña, Faxilde, Galegos, Outeiro, A Raña, Saá e Vilamoure. Castro Alfonsín é o núcleo que alberga unha maior cantidade de poboación cun total de 42 habitantes seguido por Vilamoure con 38 e Galegos con 24. Por outra banda Cuíña é o núcleo menos poboado con só tres veciños seguido de Barreiro e Faxilde con oito cada un.

A igrexa parroquial é unha obra antiga, anterior ao século XVI xa que consta que Gregorio Barro, mestre de canteira, contratou en 1572 a reedificación deste templo e o seu anexo, sen embargo o que se conserva principalmente na actualidade é máis moderno, do século XVIII. Esta construción conta con aparello de perpiaño nas esquinas e o resto está revocado, salvo a fachada principal. Nesta pódese observar unha porta alintelada con dúas pilastras sobre a que hai molduras xeométricas e un entablamento cunha ventá na que se pode observar unha inscrición.

A nave principal é rectangular con cuberta a dúas augas de lousa e unha bóveda no seu interior. Nos laterais conta con dúas capelas tamén de planta rectangulares e con arco de medio punto para acceder. A capela maior ábrese ao cruceiro tamén cun arco de medio punto e a sacristía está adosada ao muro esquerdo da capela maior.

A capela maior ten unha imaxe da Virxe do Rosario, actual, e tamén un Santiago peregrino e un Santiago que foron restaurados recentemente. Por outra parte, a capela lateral dereita posúa unha virxe neoclásica e un camarín rodeado dun óvalo no que hai quince releves correspondentes aos quince misterios do Rosario así como outros releves de ánimas e santos. Na súa parte máis ancha mide un total de de 2,85 metros.

O retablo da capela lateral esquerda é do século XVIII con estípites e imaxes de Cristo atado a columna, da mesma época co retablo de Santa Teresa que está algo deteriorado. Este retablo ten unha medida de 2,60 metros. A sacristía conta cun crucifixo do século XVIII con case un metro de alto a cruz.

Esta parroquia de Santiago de Saa ademais da súa igrexa parroquial posúe a Capela de San Antonio ubicada no núcleo de poboación de Vilamoure. Construída no século XVIII ten aparello de sillar na fachada e nas esquinas mentres que o resto da construción está revocada.

O frontón da fachada principal garda unha imaxe de San Antonio realizada en pedra e un pouco máis arriba, tamén na fachada principal, un escudo.

No seu interior pódense atopar dúas capelas laterais unidas a capela maior do templo. Os retablos e imaxes do interior son da mesma época ca igrexa e atópanse restaurados, o maior ten unha imaxe de San Antonio, o do lateral dereito de San Xosé e San Fidel e o do lateral esquerdo imaxes da Virxe e de San Antonio Abad.

Por último, preto desta capela e ao pe da estrada que vai dende Lugo ata Portomarín podemos atopar un peto das ánimas, coa imaxe de San Antonio que data do ano 1923 e ten planta rectangular.