Skip to main content
Lugo

Convocan de novo en Lugo as axudas ao alugueiro

Por 4 Outubro, 2023Sin comentarios

A subvención municipal poderá alcanzar até o 50% do alugueiro cuxo tope se eleva ata os 400€, 50€ máis que no proceso anterior, para “adaptar a capacidade da achega á situación do mercado inmobiliario”, sinalou a edil Olga López.

Lugo leva dende o 2008 sen contar coa creación de nova vivenda pública. Mentres, as listas de demandantes, que actualmente superan as 1.300 persoas na cidade, se incrementan ano a ano.

Para tratar de paliar esta realidade, o Executivo de Lara Méndez autorizou hoxe unha nova convocatoria de axudas municipais ao alugueiro, cuxas bases se aprobaban esta mañá en Xunta de Goberno local.

A concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, explicou que, “como principal novidade, neste 2023 se incrementa non só a contía da bonificación, coa que se poderá cubrir até o 50% do importe do alugueiro, senón que tamén ascendeu o tope máximo establecido para a renda que teñen as vivendas susceptibles de subvencionar, pasando dos 350 euros (en 2022) aos 400 €, tratando de adaptarnos así á situación na que se atopa o mercado inmobiliario”, sinalu a edil.

En total, o Concello mobilizará neste exercicio 210.000 euros para dar cobertura a estas axudas para as que se inclúe a posibilidade de prórroga da convocatoria por un ano máis, duplicando a consignación económica ao efecto.

“Unha partida á que cómpre engadir outros 150.000 euros procedentes da Emerxencia Social – ao redor do 50% do presuposto co que conta esta prestación – e que foi empregado polas persoas beneficiarias da mesma para afrontar os gastos de mantemento da vivenda como a cota da hipoteca e mesmo as facturas de subministración enerxética, principais necesidades dos usuarios e usuarias do servizo que, se ben, en moitos dos casos, contan con axudas para a manutención, os ingresos que perciben non lles alcanzan para o pagamento de todos os recibos que deben asumir”, sinalou López Racamonde.

A responsable de Benestar referiu tamén que nesta vindeira convocatoria das subvencións municipais ao alugueiro terán prioridade no seu outorgamento as vítimas de violencia de xénero, as familias monoparentais con cargas familiares, as unidades de convivencia que teñen ao seu cargo tanto descendentes ata os 25 anos como persoas cun grao de discapacidade superior ao 65% e, en cuarto lugar, as unidades de convivencia que estean compostas exclusivamente por mozos de até 35 anos de idade.

“Ademais, ampliamos as marxes do IPREM (que non sexa inferior ao 0’5 nin superior ao 2’5) para poder optar a estas achegas coa finalidade de aumentar o seu ámbito de aplicación e facer extensiva esta prestación a un maior número de persoas”, sostivo Olga López.

A concelleira avanzou que o prazo de presentanción de solicitudes será de 20 días hábiles, contados dende o seguinte á publicación oficial do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

“Entre os requisitos esixidos figuran, para o inmoble, que este teña unhas condicións mínimas de habitabilidade, que a cociña estea en bo uso, que conte coas instalacións de gas, auga, saneamento e iluminación legalizadas e que dipoña dun cuarto de baño completo e con ventilación. Ademais todas as estancias deben ser accesibles e non se permite o uso de almacenamento descontrolado de obxectos. Por parte dos beneficiarios, estes deberán cumprir co aboamento mensual do alugueiro e xustificalo, manter o domicilio en condicións axeitadas, ou non percibir outras axudas ou subvencións polo mesmo concepto. Ademais non poderán subarrendala nin alugar habitacións da mesma”, concluíu Olga López.

Tralo acordo na sesión desta mañá a previsión é que o procedemento para o 2023- 2024 quede resolto antes de que finalice o ano.