Skip to main content
Lugo

Un percorrido pola Galicia dos anos 20 a través da mirada de Ruth Matilda Anderson

Por 8 Outubro, 2023Outubro 9th, 2023Sin comentarios

A mostra ‘Fragmentos de onte’, que constitúe unha homenaxe ao rol das mulleres na sociedade tradicional, pode visitarse na Capela de Santa María ata o 7 de novembro

Achegarse a unha feira tradicional galega de hai un século, a un mercado, a unha romaría ou ser testemuño do traballo das leiteiras que percorrían os concellos cos cántaros na cabeza. Esas son catro das escenas ás que nos traslada Fragmentos de onte, unha exposición que constitúe unha homenaxe á Galicia dos anos 20 e ao rol das mulleres aproveitando o poder da fotografía como memoria colectiva.

A mostra, promovida por Bodegas Martín Códax en colaboración coa Asociación Etnográfica Sete Espadelas, parte das imaxes tomadas pola fotógrafa e etnóloga estadounidense Ruth Matilda Anderson durante as súas expedicións en Galicia. Deste xeito, a selección, aberta ao público ata o 7 de novembro na Capela de Santa María, comprende unha oportunidade de asomarse ao pasado da nosa comunidade e pon en valor a relevancia da artesanía na vida das persoas e a importancia das galegas na sociedade tradicional como eixo vertebrador do engrenaxe socioeconómico.

O conxunto fórmano as distintas imaxes que a fotógrafa realizou na comunidade entre 1924 e 1926, anos nos que Archer Milton, fundador da recoñecida Hispanic Society of America, a mandou a Galicia para inmortalizar todo o material etnográfico que estaba a piques de desaparecer.

O resultado é unha escolma de fragmentos de vida femininos e unha exaltación da tradición e das nosas orixes, que afonda na vida de varios pobos da comunidade. Lugo foi unha das numerosas paradas que realizou a profesional. Concretamente o 18 de xaneiro de 1925 ano Ruth Matilda, acompañada polo seu pai Alfred, pisaba por primeira vez a cidade.

Os longos paseos pola localidade e a gastronomía, así como cada un dos rincóns da provincia acabaron por conquistar á americana, que foi quen de capturar historias e imaxes que conforman o noso patrimonio etnográfico. A propia cidade ten o seu protagonismo no percorrido visual a través dunha fotografía dun mercado de pezas de olaría ao pé da Muralla, a escasos metros da Mosqueira, en 1925.

O legado fotográfico de Anderson constitúe un compendio visual das vestimentas, os oficios, as festas e os costumes propios da época. Precisamente as profesións tradicionais son un dos atractivos da exposición, na que se reproducen escenas cotiás do século pasado. Cada unha das súas retratadas, que aparecen traballando na casa, no campo, no mar ou de compras nos mercados, reflicte o traballo, o esforzo e fame dunha época dura na que as mulleres levaban o peso de Galicia na cabeza.

Homenaxe aos oficios tradicionais

“As imaxes que capturou Anderson son un verdadeiro tesouro. Cada unha das súas fotografías agocha unha historia co nome e apelidos dos seus protagonistas”, explican José Luis Rodríguez e David Quiñones, membros da Asociación Etnográfica Sete Espadelas e comisarios do proxecto. Desde palilleiras traballando nunha casa en Muxía, leiteiras que percorrían a pé grandes distancias cos cántaros na cabeza, redeiras en Marín ata mercados como o da Praza da Leña de Pontevedra teñen o seu oco na mostra.

Pero a proposta non é unha exposición máis dos momentos capturados pola estadounidense. As instantáneas están acompañadas dunha serie de obxectos do fogar, aparellos de labranza e máis de 60 traxes, tanto antigos como reproducidos a partir de tecidos da época. Varios maniquís e figuras reproducen escenografías tradicionais que aparecen nos retratos. Esta selección evidencia un profundo labor de investigación, que comezou no ano 2017 coa observación de cada unha das imaxes, e co que se pretende reproducir, ante os ollos dos visitantes, o que viu a propia Ruth Matilda cando chegou a Galicia.

“Tivemos que analizar cada imaxe para apreciar cada pequeno detalle e percorrer moito para atopar cada peza ou tecido non só en Galicia”, destacan dende o comisariado. Deste xeito, o traballo de busca e recuperación dos relatos visuais complementouse con varias viaxes a Estados Unidos, Lituania e Paquistán, entre outros países, para facerse coas pezas e cos tecidos de liño ou seda que agora se amosan. De feito, para poder elaborar un dos mantelos, pasaron máis de tres anos e medio cosendo 28.5000 cristais.

Fragmentos de Onte, que se suma á serie de iniciativas culturais nas que se leva implicando Martin Códax dende fai anos, inaugurouse o 3 de outubro na cidade amurallada tras o éxito en Vigo e Santiago de Compostela, onde recibiron máis de 15.000 visitas en dous meses. A mostra pode visitarse ata o martes 7 de novembro, en horario de luns a domingo (festivos incluidos) de 11.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Ademais, os sábados ás 12.00 horas ofrécense visitas guiadas da man de Sete Espadelas. As entradas son de balde, pero precisan dunha inscrición previa na web de Bodegas Martín Codax.