Skip to main content
Lugo

A CEL firma un convenio co Sabadell para fortalecer as empresas

Por 9 Outubro, 2023Sin comentarios

En virtude do acordo, a entidade financeira súmase tamén ao Consello Asesor da CEL.

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Sabadell Gallego subscribiron hoxe un acordo de colaboración en virtude do cal se ofrecen diferentes solucións financeiras e servizos bancarios para apoiar o fortalecemento da actividade das empresas da provincia de Lugo.

O acto de firma tivo lugar na sede central da CEL coa presenza de Pablo Junceda Moreno, director xeral de Sabadell Gallego, e Jaime López, secretario xeral da CEL.

O convenio entre Sabadell Gallego e CEL facilita que autónomos, comercios, despachos profesionais e pemes asociados á organización empresarial lucense accedan, con importantes bonificacións e condicións vantaxosas de contratación, ás diferentes solucións para profesionais de Sabadell Gallego.

Entre estas solucións atópase ofertas específicas para financiamento de iniciativas (préstamos de inicio de actividade empresarial, préstamos profesionais, hipotecarios…), pagos online, cartóns, contratación de TPVs, asistencia xurídica ou acceso a unha plataforma informativa de axudas e subvencións públicas europeas, con apoio especializado ás empresas para a súa tramitación.

O secretario xeral da CEL subliña que “a través deste acordo búscase que o tecido empresarial lucense, conformado nun 99% por microempresas e pemes, poida afrontar novos retos como a necesidade de dixitalización ou internacionalización, creza e se fortaleza”.

Consello Asesor CEL

Sabadell Gallego súmase ademais ao Consello Asesor da CEL, o organismo interno da organización empresarial que agrupa empresas e entidades con presenza na provincia de Lugo que, pola súa especial traxectoria, dimensión, actividade ou calquera outra circunstancia, se constitúen en grupo de apoio, análise, debate e fonte de propostas para a CEL.

Na actualidade son máis de corenta as empresas que o conforman. A integración de Sabadell Gallego é a cuarta deste ano, tras a incorporación de Grupo Isonor, Mourín Saúde e o Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA).