Skip to main content
Lugo

Unha manifestación pide á Xunta un maior control da praga da velutina

Por 11 Outubro, 2023Sin comentarios

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebrou unha concentración este mércores diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo para esixir á Administración galega que asuma as súas responsabilidades e poña en marcha de xeito inmediato medidas efectivas na loita contra a Vespa Velutina Nigrithorax.

“Dende a entrada no país da Vespa Velutina, fai xa máis de 10 anos, a Xunta nunca asumiu as competencias na loita contra as especies exóticas invasoras. Non elaborou un plan de actuación galego para a detección, control e/ou erradicación da Vespa velutina, nin executou o establecido na Estratexia do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Cada vez destínanse menos recursos e hai mais atraso na retirada de niños, chegando á intolerábel situación de que persoas a nivel particular se vexan obrigadas a retirar elas mesmas os niños, expoñéndose a graves riscos para a súa saúde”, explican os convocantes.

“A Xunta de Galicia nin sequera está a asumir a súa responsabilidade nalgo tan básico como é o establecemento dun protocolo para o trampeo de captura de raíñas. Con todo isto, o tártago asiático está a ter unha expansión exponencial por todo o territorio galego, con consecuencias nefastas, que van dende perdas na apicultura e estragos nas producións de froita e uva, até o lamentábelmente ben coñecido perigo para as persoas”, engaden.

A expansión incontrolada da velutina non só afecta á produción de alimentos e á saúde das persoas, senón que tamén supón un grave problema medioambiental con consecuencias nefastas para a biodiversidade.