Skip to main content
Lugo

O San Froilán remata coa feira medieval unhas festas multitudinarias

Por 13 Outubro, 2023Outubro 14th, 2023Sin comentarios

As concelleiras e concelleiros da Tenencia de Alcaldía asistiron ás diversas actividades programadas para a mañá do 12 de outubro, última xornada das festas de San Froilán. Unha nova edición da Volta ao Medievo, a feira medieval que este ano celebrou os 22 anos, e a exhibición Saltar na Rúa deron forma a unha mañá de San Froilán “que resume o programa das festas, actividades de calidade para distintos públicos que fan que todas as persoas que se acheguan á zona das festas poidan ter algo que ver ou facer”, explicou Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo.

23 actividades dan forma ao programa de festas da última sesión, música, animación infantil, pasarrúas ou maxia animaron as rúas de toda a cidade ao longo do día. Ademais, a partir das 20:00, a praza da Mosqueira acolleu un espectáculo con humoristas recoñecidos, e durante todo o día.

Pola noite, os concertos de Rayden na praza Horta do Seminario xunto con Balkan Paradise Orchestra e Terrae en Santa María foron os encargados de pechar o San Froilán 2023.

BALANCE

A edil de Cultura, Maite Ferreiro, fixo balance das festas do San Froilán unha vez rematadas as 200 actividades que deron forma ao programa. Ferreiro indicou que “aínda quedan dous días nos que o recinto feiral pode seguir aberto, mais xa podemos dicir que todas as persoas que participaron destas festas puideron sentiron seu o San Froilán”.

A concelleira de Cultura valorou como “máis que satisfactoria” a asistencia de público aos concertos e ás actividades programadas, “ateigando as rúas e desfrutando de todas as actividades, tanto musicais como de animación, que programamos entre o 4 e o 12 de outubro”. Dende a Área de Cultura do Concello deseñouse un programa de festas para chegar a todo tipo de público “queriamos que todas as persoas que viven en Lugo ou nos visitan sentisen que as festas eran súas, e que a nosa veciñanza se sentise orgullosa de ser de Lugo” afirmou Maite Ferreiro.

A concelleira aproveitou para facer un especial agradecemento a todas as persoas, empresas e colectivos que dun xeito ou outro participaron na organización das festas, facendo especial mención aos diferentes departamentos e persoal do concello que “nestes días traballaron de xeito continuado para que as festas fosen un éxito como foi o caso do persoal de cultura, policía local, bombeiros ou o servizo de limpeza”.

Maite Ferreiro salientou “logrouse que Lugo siga tendo orgullo das súas festas e o San Froilán demostrou ser, de novo, a gran festa do outono galego”. Con 200 actividades programadas e a participación duns 50 grupos locais a animación de rúa foi protagonista deste San Froilán.

Ferreiro destacou a participación de colectivos e asociacións que programaron eventos encadrados no programa de festas e a grande participación dos máis pequenos nas 20 actuacións que completaban o programa do San Froilán Miudo ou as 14 actividades deportivas vencelladas ás datas das festas. O desfile de gando e a celebración de ExpoLugo ou a presenza do Mago Antón e os espectáculos de rúa xunto coa volta do desfile do traxe tradicional que celebrou o seu 51 aniversario, e a exhibición de atletismo Saltar na rúa foron parte dos atractivos da festa.