Skip to main content
Lugo

104 artistas presentáronse á Bienal de Pintura do Eixo Altántico que acollerá Lugo

Por 16 Outubro, 2023Sin comentarios

O xurado seleccionou un total de 30 obras que formarán parte dunha exposición itinerante co municipio lucense como punto de partida. Este xoves, 19 de outubro, terá lugar lugar a asignación dos premios, de 4.000, 2.000 e 1.500 euros, que se fará pública o día da inauguración da exposición en Lugo.

Un total de 104 artistas de Galicia e do norte de Portugal presentaron a súa candidatura ao certame Bienal de Pintura do Eixo Atlántico. Unha vez pechada a recepción das obras, o xurado seleccionou 30 propostas finalistas que configurarán o catálogo dixital do premio e constituirán a exposición itinerante que terá o municipio de Lugo como punto de partida a finais de novembro.

“Este xoves, 19 de outubro, terá lugar a asignación dos premios por parte do xurado, mentres que o fallo farase público o día da inauguración da exposición, cando tamén se fará entrega dos premios aos galardoados”, explicou a rexedora e presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, quen lembrou que haberá tres premios de 4.000, 2.000 e 1.500 euros, este último para novos artistas (de entre 16 e 25 anos).

A inauguración da exposición coincidirá co peche da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, cunha extensa varidade de actividades que durante todo o ano converteron o municipio lucense no punto de referencia das artes e a cultura galega e lusa. Así mesmo, a colección de obras finalistas percorrerá varias cidades do Eixo Atlántico en 2024.

Bienal Virtual

A Bienal de Pintura do Eixo Atlántico comezou en 1997 co obxectivo de estimular a creación artística e posibilitar simultaneamente o intercambio cultural e o coñecemento de artistas.En 2021, para adaptarse ás circunstancias sanitarias provocadas pola pandemia, a exposición incorporou a novidade de poder ser visitada virtualmente. En cada edición, poden concorrer ao certame todos os artistas da Eurorrexión cunha única obra de pintura orixinal e inédita que non fose exposta nin presentada con anterioridade a ningún outro certame ou concurso.