Skip to main content
Lugo

Comezan no Pazo de San Marcos unha nova edición das Xornadas Micolóxicas

Por 17 Outubro, 2023Sin comentarios

Un cento de persoas descubre o mundo da micoloxía esta semana nunha actividade que rematará o sábado cunha saída aos bosques da contorna do Rato.

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, inaugurou este luns no Pazo de San Marcos as Xornadas Micolóxicas que organiza a Deputación de Lugo dentro do programa de actividades gratuítas de educación ambiental e de lecer que desenvolve a institución provincial na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Esta acción formativa, que ten lugar ao longo desta semana en colaboración coa Sociedade Micolóxica Lucus, cubriu as 100 prazas dispoñibles.

O deputado deu a benvida ás persoas anotadas nesta iniciativa xunto ao presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz, nun acto no que lembrou que a institución vén de conseguir a renovación por 10 anos máis da declaración da Reserva da Biosfera Terras do Miño, unha obxectivo ao que, sinalou, “precisamente contribúen actividades coma estas xornadas”, pois entre os factores valorados no informe positivo que emitiu o Comité Científico do Comité Español do Programa MaB figuran os plans de xestión aprobados e acometidos, e o amplo conxunto de actividades impulsadas para o coidado, protección, coñecemento e desenvolvemento sostible do territorio.

Carlos López agradeceu por iso á Sociedade Micolóxica Lucus o seu traballo e colaboración para sacar adiante este tipo de iniciativas que contribuíron tamén á renovación do distintivo da Reserva e ratificou o compromiso da Deputación, como xestora tanto de Terras do Miño como dos Ancares Lucenses, de continuar coas “políticas públicas para coidar os inmensos recursos naturais cos que contamos na nosa provincia e aproveitalos para favorecer un desenvolvemento social e económico de maneira sostible, sobre todo nun rural privilexiado coma o noso, no que o medio ambiente se converte nun factor capital para artellar unha oferta de turismo sostible e non masificado que está a acadar cada vez máis aceptación”, afirmou.

Unha oferta turística, explicou, “que se apoia tamén na riqueza e variedade da nosa gastronomía”, destacando neste sentido os cogomelos, que, “ademais do seu valor ambiental, son un apreciado produto culinario que xera valor engadido e que se vincula tanto á cociña tradicional, como ás novas propostas dos restauradores lucenses”.

As Xornadas Micolóxicas inclúen 5 días de sesións teóricas, impartidas no Salón de Actos da Deputación, e unha sesión práctica, dunha duración de tres horas e media, que terá lugar o sábado polos bosques próximos ao Centro de Interpretación Terras do Miño, na contorna do río Rato, en Lugo. Os participantes coñecerán a importancia dos ecosistemas naturais, as boas prácticas a empregar na actividade micolóxica e a identificación das diferentes especies de cogomelos nos seus hábitats.