Skip to main content
Lugo

Un lazo humano simbolizará este xoves a loita contra o cancro de mama en Lugo

Por 18 Outubro, 2023Sin comentarios

Con motivo do Día Mundial Contra o Cancro de Mama, que se conmemora cada 19 de outubro, a Asociación Española Contra o Cancro organiza diferentes actividades co obxectivo de sinalar que en cancro de mama aínda queda moito por facer. “É necesario non baixar a garda en detección, seguir investigando en cancros de mama máis complexos e cubrir as necesidades de pacientes e familiares”, din.

Baixo o lema, #ElRosaEsMásQueUnColor, a Asociación quere reconectar co espírito do movemento dos noventa do século pasado cando toda a sociedade empezou a unirse para impulsar a investigación. Un dos grandes fitos conseguidos ata o de agora é que, nos últimos anos, logrouse aumentar a supervivencia media do cancro de mama a 5 anos ao 85%. Con todo, non todos os tumores son iguais e algúns casos, como o cancro de mama metastásico, aínda teñen mal prognóstico cunha taxa de supervivencia de en torno ao 25%.

Hai que ter en conta que, o cancro de mama é o tumor máis frecuente na muller en todo o mundo, e ten especial incidencia en mulleres en idades comprendidas entre os 45 e 65 anos. Segundo o Observatorio do Cancro, en 2022, en España, 34.740 persoas foron diagnosticadas de cancro de mama. En Galicia, 2248 persoas e na provincia de Lugo, 283 persoas afectadas por este tipo de cancro.

Con motivo do Día Mundial Contra o Cancro de Mama, a Asociación na cidade de Lugo organiza diferentes actividades para visibilizar a iniciativa #ElRosaEsMásQueUnColor. Haberá un acto institucional o xoves, 19 de outubro, ás 12:00h na Praza Maior. Ademais, o colexio Franciscanos de Lugo fará un lazo humano con camisetas rosas no propio acto institucional do xoves 19 de outubro ás 12:00h. O colexio Galén fixo o propio esta mañá.

Ademais, o domingo haberá  ademais de flores na muralla  durante toda a mañá e, ás 12.30, farase un acto floral nos Xardíns da Mosqueira.