Skip to main content
Lugo

O PP presenta unha proposición de urxencia para desbloquear o PXOM

Por 25 Outubro, 2023Sin comentarios

Tralas declaracións do presidente da Confederación Hidrográfica recoñecendo que as cuestións a corrixir do Plan Xeral son “problemas técnicos solventables e que non piden esixencias novas”, o PP presentará unha proposición de urxencia para desbloquear o antes posible o PXOM de Lugo.

Asegura o PP que dende o primeiro momento “interpretamos que as cuestións técnicas a subsanar podían resolverse con traballo e con vontade política coincidindo coa interpretación do presidente da Confederación de que “ao tratarse de pequenos desaxustes encauzables, xa coñecidos dende o ano 2019, era posible axilizar as correccións”.

“Por este motivo pedimos, dende o momento que se deu a coñecer que a Confederación paralizaba a tramitación do Plan Xeral, diálogo coa CHMS presidida por un cargo do PSOE, así como tamén co equipo redactor e solicitamos unha xuntanza de voceiros obtendo, de momento, a calada por resposta”, din.

Engaden que “aprobar o Plan Xeral é posible e o Partido Popular traballou e traballa a favor de zanxar esta tramitación tendendo a man ao goberno local xa que “impulsar este documento é vital para o desenvolvemento do municipio” manifestando que “non estamos á fronte de ningunha dificultade inabarcable, son cuestións técnicas e así llo queremos facer saber á cidadanía”.

“É prioritario ter o Plan Xeral aprobado para empezar a traballar na súa mellora e actualización adaptándoo á nova realidade do municipio co obxecto de captar investimentos, facilitar o impulso de novos proxectos empresariais e de vida así como a planificación ordenada do territorio”, conclúen.