Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo segue a buscar un director para a Banda de Música

Por 26 Outubro, 2023Sin comentarios

Tras varias tentativas infrutuosas para ocupar o posto, o Goberno local estuda agora implementar outras alternativas que posibiliten unha incorporación efectiva.

O Concello de Lugo continúa traballando na procura da cobertura temporal da praza de director da Banda de Música cuxo titular se atopa en excedencia.

Esta mesma semana o edil de Persoal e a concelleira da área de Cultura mantiñan un novo encontro para explorar as posibles fórmulas que permitan ocupar o posto provisionalmente, sempre de acordo coa normativa en vigor.

A este respecto, o responsable de Recursos Humanos, Pablo Permuy, incidiu unha vez máis que a “situación de David Fiuza, que actualmente exerce en Santiago, está contemplada como un dereito normativo que lle corresponde e que cumpre todos os requisitos legais polo que dende a Administración local non cabe actuación ningunha”.

Igualmente, Permuy Villanueva sinalou que “se trata dunha circunstancia non desexada polo Executivo municipal que, durante todo este tempo leva tratando de paliar a falta de director con diferentes medidas”.

Así, referiu que nos últimos meses leváronse a cabo varias tentativas de cobertura.

“En primeiro lugar tratouse de que o outro aspirante presentado ao proceso selectivo, e que polo tanto figuraba nunha lista de candidatos á contratación, segundo as normas da convocatoria, aceptase ser o substituto do titular, opción que rexeitou. A continuación convocouse un proceso para a cobertura do posto, mediante Comisión de Servizos á que se presentaron varias solicitudes. Porén, só unha reunía todas as condicións xa que se requiría ser funcionario de carreira, mais esa persoa nunca acreditou a perceptiva autorización da Administración de orixe para poder incorporarse e o proceso culminou sen candidato/a”, explicou o concelleiro.

Pablo Permuy afirmou, alén, que “pese aos intentos realizados, e diante da dificultade de atopar funcionarios de carreira ou persoal laboral fixo que acepten incorporarse a esta praza de xeito provisional – o que resta atractivo ao traballo – estanse a estudar e implementar outras alternativas que posibiliten unha incorporación efectiva. “A vontade deste Executivo é paliar os efectos non desexados que está a supoñer tanto para a Banda como para a Escola de Música a ausencia dun director”.

Pola súa banda, a tenente de alcaldesa de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro sinalou que “plasmouse, na xuntanza, a preocupación do Goberno local pola necesidade dunha dirección que todo o mundo quere para a Banda e a Escola Municipal de Música e loubouse o traballo feito polos profesionais pertencentes á Banda e á Escola, así como o esforzo feito por todo o alumnado e as familias que fan da Escola un patrimonio inmaterial dos que Lugo pode sentirse orgulloso”, concluíu a concelleira.