Skip to main content
Lugo

Lugo Cultural realiza unha actividade na Casa do Saber o luns sobre Todos os Santos

Por 29 Outubro, 2023Sin comentarios

O lume das lembranzas: o noso alter, a nosa memoria é o título da actividade incluída na programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, que se desenvolverá este luns 30 de outubro, de 20.00 a 23.00 horas, na Casa do Saber de Lugo.

Esta iniciativa, xurdida do colectivo estudantil e a través da que se pretende conmemorar a festividade de Todos os Santos, ademais de achegarse á temática de defuntos desde unha perspectiva poliédrica, está aberta á participación de todas as persoas interesadas en participar na construción dun altar simbólico coas súas respectivas creacións artísticas, fotografías… ou ben con calquera outro tipo de elemento material ou mesmo produtos alimentarios.

O ‘altar’ creado nesta sesión de lembranza e homenaxe ás persoas xa ausentes trasladarase o vindeiro 13 de novembro ata a cafetería da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, onde se desenvolverá, a partir das 20.30 horas, unha xornada de ‘Microaberto’, no marco do que todo o mundo terá a oportunidade de intervir, expresar e compartir arredor de quen nos acompaña desde o outro lado.