Skip to main content
Lugo

O Parlamento de Galicia exporá en Lugo a súa colección de arte desde o xoves 9

Por 31 Outubro, 2023Sin comentarios

A Sede Afundación en Lugo, acollerá a partir do 9 de novembro a mostra A Nosa Arte, a colección do Parlamento de Galicia, que afonda nas diferentes perspectivas da arte galega do século XX e comezos do XXI.

A inauguración da mesma estará a cargo do presidente do Parlamento Galego o próximo 9 de novembro, ás 19.00 horas.

O Parlamento de Galicia, cerne da autonomía política da Comunidade, atesoura unha das máis valiosas e variadas coleccións públicas de arte galega contemporánea. Un auténtico tesouro froito do talento creativo dos seus autores e autoras e tamén do compromiso inequívoco coa arte galega dos diferentes equipos reitores da Cámara lexislativa. Un tesouro, en suma, que é de todos e para todos, e tamén unha ferramenta poderosa de difusión da nosa cultura, dentro e fóra das nosas fronteiras xeográficas.

A dimensión cuantitativa e cualitativa que esta colección de arte foi adquirindo co paso do tempo, desde aquel arredado 19 de decembro de 1981, cando o Parlamento de Galicia botaba a andar nunha sede que nin sequera era de seu, o arcebispal Pazo de Xelmírez, fai que cada día nos sintamos máis orgullosos dela, ao tempo que redobramos os esforzos para a dar a coñecer, tanto entre os expertos como entre o público en xeral.

Dun tempo a esta parte, o Parlamento de Galicia está inmerso nunha estratexia de apertura á sociedade co obxectivo de que a xente nos coñeza mellor, porque —hai que o recoñecer— o Poder Lexislativo segue a ser, e non só en Galicia, un gran descoñecido.

Con ese obxectivo impulsamos diferentes iniciativas orientadas a facilitar as visitas á nosa sede, o Pazo do Hórreo, durante as cales os seus protagonistas teñen ocasión de se achegaren ao universo creativo galego do século XX e de comezos do XXI.

Por fortuna, desde hai máis de catro décadas, España e Galicia viven e exprésanse en liberdade, ceibes de cadeas en virtude da Constitución e o Estatuto de Autonomía. A orixinalidade artística de Galicia pode tamén parabenizarse, pois protagoniza un rexurdimento vizoso, e a todos os seus creadores —pasados, actuais e futuros— rendemos tributo na mostra A Nosa Arte.