Skip to main content
Monforte

Este xoves, o Edificio Multiusos de Monforte acolle a obra ‘Gloria Nacional’

Por 2 Outubro, 2023Outubro 3rd, 2023Sin comentarios

Dentro do Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta, este xoves 5 de outubro, ás 20.15, terá lugar a posta en escena da obra para adultos Gloria Nacional, da compañía Teatro do Noroeste, obra escrita e dirixida por Eduardo Alonso e interpretada por Miguel Pernas, Luma Gómez e Manuela Varela, no Edificio Multiusos.

A obra, dirixida a público adulto, representa a Uxío Rodas, escultor e pintor duns 60 anos, considerado polos seus contemporáneos unha auténtica “gloria nacional”. As súas esculturas están nos mellores museos internacionais e ten sobre as súas costas unha longa e importante carreira de creador honesto e impoñente, con exposicións e grandes ventas en todos os países do mundo.

O goberno do seu país, a través do seu presidente vén de encargarlle unha escultura monumental que se colocará na praza principal da capital, remodelada para tal fin. Unha escultura que represente e simbolice á nación. Uxío ponse ao traballo, pero chega a un punto sen retorno e non sabe como continuar.

Uxío enfróntase a unha profunda crisecreativa acompañada, para abondar máis na parálise, nunha tamén profunda crise dos valores sociais: a política, o país, a nación, a patria… porque son conceptos nos que xa non cre. Así, atópase ante unha inmensa construción en pedra medio feita, medio desfeita, que non sabe o que é e que preside o centro do lugar e do seu desorde.

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Unha inimiga do pobo da compañía Talía Teatro que terá lugar o xoves 26 de outubro no Edificio Multiusos ás 20.15 horas, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.