Skip to main content
Quiroga

Firmado un convenio entre o Concello de Quiroga e a CHMS para mellorar o túnel romano de Montefurado

Por 7 Outubro, 2023Outubro 8th, 2023Sin comentarios

O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera e o primeiro tenente de alcalde, Vicente Parra Vizcaíno, reuníronse con José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, nas inmediacións do túnel romano de Montefurado para falar das accións necesarias para acondicionar, divulgar e valorizar o túnel e o meandro seco do Sil en Montefurado.

As áreas de Cultura e Turismo que levan respectivamente José Luis Rivera e Vicente Parra teñen proxectado buscar un novo enclave, con fácil acceso, dende o que se poda ver a boca de entrada do túnel romano, polo que coa axuda da CHMS queren acondicionalo para o seu uso público e poñer en valor a explotación aurífera romana na que se atopa o túnel de Montefurado.

Así, os traballos consistirían na instalación de diferentes recursos interpretativos, ademais de mellorar o recorrido polo meandro seco do Sil. “O que conseguiremos é rescatar do esquecemento e poñer en valor o túnel romano e o meandro seco para uso, #gozar e divulgación dos valores ambientais, arqueolóxicos e paisaxísticos desta zona da Ribeira Sacra”,  explicou o presidente da CHMS, Antonio Quiroga.

No encontro acordouse a redacción dun convenio entre ambas administracións que posibilite as actuacións, no que se establecerán as condicións de colaboración para a financiación e a execución das obras e o réxime de entrega das mesmas para o seu mantemento e conservación pola Administración Local.

“É importante lembrar que no ano 2019 os concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel foron declarados como Geoparque Mundial da UNESCO pola súa riqueza en formacións xeolóxicas e polo patrimonio mineiro romano presente nestes concellos, destacando a explotación de Montefurado” concluíu o presidente.