Skip to main content
Láncara

O Partido Popular achegouse a Láncara para criticar ao Goberno central

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, visitou ás obras da variante de tren da Pobra de San Xiao, en Láncara, xunto á Comisión de Infraestruturas do PPdeG e á que asistiron tamén deputados e senadores da provincia de Lugo.

Alí afirmou que “esta provincia é, por desgraza, un dos mellores exemplos do desleixo do Goberno central con Galicia en materia de infraestruturas. Os servizos obsoletos e deficitarios que ofrece o Goberno central están prexudicando moitísimo ás conexións de Galicia tanto no seu interior como co resto de España”, asegurou ao tempo que poñía como exemplo os incumprimentos en autovías como a Lugo-Santiago (A-54) e a Lugo-Ourense (A-56) ou os atrasos na reconstrución da A-6.

Máis denuncias ao Goberno

Pola súa banda, o coordinador de Infraestruturas do PPdeG, Antonio Ameijide, asegurou que a variante de tren da Pobra de San Xiao “é a única actuación ambiciosa que se fixo en anos pola conexión ferroviaria entre Lugo e Ourense”.

Pero, aínda así, recordou que as obras que se están levando a cabo chegan “logo de máis de catro décadas de espera” e consisten na electrificación da vía, polo que “non suporán ningunha ganancia de tempo de recorrido”.

Ademais, sostivo que “estas obras afectan só a un 7% da liña, polo que no 93% restante seguirá cun trazado do século XIX”, explicou ao tempo que lamentaba a imposibilidade de que poidan circular por esta vía trens de Alta Velocidade.

Ameijide denunciou que “a Alta Velocidade non chega á maioría de Galicia e as obras que está levando a cabo o Goberno central non contribúen a facer competitiva a nosa Comunidade e especialmente as zonas do interior”. Incidindo así na importancia que as conexións ferroviarias e por estrada teñen para as empresas, para a xeración de emprego e para a economía das cidades galegas.

“Solicitamos máis investimento por parte do Goberno de España para reverter a desconexión, o abandono e o illamento que sufrimos os galegos no que se refire ás nosas infraestruturas”, concluíu.