Skip to main content
Samos

Samos conmemorou o 75 aniversario do retiro de Cabanillas ao seu mosteiro

Por 29 Outubro, 2023Sin comentarios

A pasada fin de semana o Concello de Samos celebrou os 75 anos da chegada de Ramón Cabanillas ao seu mosteiro. A biblioteca municipal acolleu unha conferencia da man do académico Francisco Fernández Rei que repasou a vinculación entre o escritor e a abadía. A proposta forma parte da programación conmemorativa organizada pola Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos e o Concello de Samos, en colaboración coa Concellería de Ensino, Cultura e Patrimonio de Cambados.

O poeta pisou por primeira vez o mosteiro de Samos en agosto de 1948, nun momento vital complexo tras a morte da súa muller e un dos seus fillos. Tal e como sinalou Francisco Fernández Rei, Cabanillas atopou a tranquilidade que buscaba tras percorrer varios concellos no seu labor de secretario municipal.

Este primeiro contacto coa vila levouno a regresar os seguintes tres veráns. Precisamente durante a última tempada estival que pasaría no Concello, marcharía unha semana antes do incendio que acabaría co cenobio, onde quería ser soterrado.

Nos actos conmemorativos dos 75 anos da súa chegada a Samos tamén participou a afillada e neta do académico, Pitusa Cabanillas, que trasladou a súa relación co mosteiro e a amizade co abade. Desta relación versará unha exposición que se inaugura o 9 de novembro, no Museo Ramón Cabanillas, na Casa da Calzada de Cambados.