Skip to main content

Por Moncho Paz

O deputado socialista por Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro, estreaba o pasado 19 de setembro no Congreso dos Deputados o dereito a utilizar as linguas cooficiais recoñecidas pola Constitución nos debates parlamentarios, empregando o galego na primeira parte da súa intervención. Besteiro subiu á tribuna para defender a proposta de reforma do regulamento que dá vía libre á utilización do galego, o eúscaro e o catalán na Cámara baixa. Correxíase así unha anomalía democrática, tras nove lustros da entrada en vigor da Carta Magna: o 29 de decembro de 1978 (data da publicación do texto no Boletín Oficial do Estado). Non foi sen tempo.

A súa disertación, que contou coa oposición do Partido Popular e de Vox, tiña lugar 92 anos e 1 día despois de que Afonso Daniel Rodríguez Castelao pronunciara o seu primeiro discurso nas Cortes españolas, o 18 de setembro de 1931. Velaquí uns parágrafos do razoamento do rianxeiro: “Dende que os chamados Reis Católicos verificaron o feito que Zurita denominou ‘doma e castración do reino de Galicia’, a lingua galega quedou prohibida na Administración, nos tribunais, no ensino, e mesmo a Igrexa evitou que nós, os galegos, rezásemos na nosa propia lingua (…). Esta política de asimilación e de hostilidade só conseguiu en tanto tempo este pobre triunfo: que os nenos das escolas crean que falar castelán é falar ben, e que falar galego é falar mal. Por isto e polo outro, o galeguismo é simplemente un caso de dignidade colectiva que tivo o seu eco no peito dos intelectuais que teñen corazón, no dos que pretenden suprimir a miseria cotiá do vivir labrego e mariñeiro, e no dos que soñan con levar ideas e sentimentos novos á corrente universal”.

Para Castelao, o galeguismo era “algo máis que un partido político, e por ese algo máis que ten, é polo que eu fun sempre galeguista”. E tamén consideraba que “non somos separatistas, porque se separatismo vén de separar, separatista será o que non queira que o galego sexa tamén un idioma español”. Unhas palabras pronunciadas hai case un século e que hoxe acadan plena actualidade, pois sitúan á dereita extrema e á extrema dereita na órbita do verdadeiro separatismo; incluso xa anunciaron que non descartan plantexar recurso ao Tribunal Constitucional. A pelota queda agora no tellado de Alfonso Rueda (e nunca mellor dito o de “tellado”), a ver como sae deste xardín. Criticado dende diversos eidos, días despois comentaba que “a medida está en vigor, se os galegos deciden utilizala están no seu dereito, tamén os do PP, e eu non vería ningunha cuestión niso”. En que quedamos?

Pola súa banda, Gómez Besteiro pregúntase: “Pode un presidente da Xunta votar en contra da nosa lingua?”. De feito, os trece deputados do Partido Popular electos polas catro circunscricións galegas fixérono sen pórse colorados, comezando polo “xestor dos Peares”. Resulta indignante, semella que están a renunciar publicamente á nosa identidade, mentres seguen a repetir ese mantra retrógrado da “ruptura de España”. Un erro histórico, prodúceme vergoña allea.

Na súa intervención parlamentaria, Besteiro comezou dando os “bos días” en castelán e nas outras linguas, agradecendo ao seu grupo político que lle permitira a honra de estrear o sistema de tradución simultánea que se instalou para que todos poidan entenderse dentro de Salón de Plenos. “É unha dobre honra facelo na miña lingua materna, o galego”, dixo con amabilidade ao principio dunha intervención na que alternou o galego e o castelán, mentres os deputados de Vox abandonaban o hemiciclo. De seguido, afirmou con rotundidade que “teño a sorte de falar varios idiomas. E como galego, dóeme que o partido que goberna en Galicia queira impedir que a nosa lingua se fale no Parlamento español”, dixo en referencia aos populares. O socialista lugués pechou a súa intervención reivindicando “o especial respecto e proteción que merecen as nosas linguas cooficiais, en tanto que son patrimonio común de toda a cidadanía española”.

Como afirma o presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes, “non ten sentido ir en contra dun dereito lingüístico, máis cando o Estatuto de Autonomía deixa claro que a defensa e a potenciación da lingua propia son unha das obrigas da Xunta de Galicia”. Recoñezo que como cidadán progresista, galeguista e partidario dunha España plural, síntome orgulloso da ser galego e de reivindicar a nosa lingua, entonando o retrouso da canción de Brinkadelia: “Levamos a Terra no peito!”.