Skip to main content
Colaboracións RIBEIRASACRAXAColaboracións SARRIAXAColaboracións TERRACHÁXA

Xavier Quijada López, “O Mestre Mateo” chairego

Por 13 Outubro, 2023Sin comentarios

Por Raúl Río.

A quen lle oín por primeira vez referirse a este gran escultor con estas verbas, foi ao activista cultural, amigo e colaborador deste periódico, Antón de Guizán, co que coincido enteiramente, pois, “coma o Mestre Mateo, a súa arte nace do granito onde descubre e soña coa obra que vai traballar” segundo afirma a páxina de “Galicia Dixital” na súa biografía.

Naceu en Donalbai en 1962, unha parroquia de canteiros do concello de Begonte, e desde neno empezou a traballar de canteiro con seu pai, pois xa era tan grande a súa afección por descubrir o que acochan as pedras no seu interior, que cando seu pai e os seus compañeiros durmían a sesta el, con punteiro e cicel intentaba saber o que escondían dentro. Logo estivo oito anos no seminario de Lugo, pero deixouno, polo que se perdeu unha sotana pero gañamos un gran canteiro e un mellor escultor.

En 1986 casou coa vilarega Cándida López Piñol e pasou a vivir na aldea do Barreiro, dos Vilares, onde ten un dos seus talleres, pois o outro está nunha preciosa casa rural restaurada por el, no medio Polígono Industrial de Begonte, para que non a tiraran.

Este gran escultor chairego, pintor e gravador, que foi finalista no Estado español no Certame de Escultura de 1991, encheu de esculturas a Terra Chá e outras vilas tan arredadas de Galiza como Denia-Alacante, pero sobre todo é mestre de canteiros que deu clases en varias escolas talleres das Nogais, Ares, Cedeira e no Taller de Cantería de Xermolos, onde dirixiu tamén a restauración da ermida de Bascuas, levada a cabo polos rapaces e rapazas da Escola de Cantería. Nesa ermida pódense ollar as súas obras: O fillo pródigo, O pecado orixinal, A parella, A Santa Compaña e As Penas de Rodas. Di que se lle mandaran facer hoxe algunha delas meteríalle medo.

Aínda que o seu oficio sempre foi canteiro, cando casou e veu para O Barreiro viu como o seu veciño Xosé do Casado, xa moi maior, facía santos, leóns e outros animais, explicáballe como os ía facendo e Xabier díxolle que el tamén os faría. Que vas facer!, dicíalle Xosé, e fixo un santo de contado. Pensaba que non sabías e si que sabes, falos moito mellor que min!, recoñeceu o santeiro.

Souben del e da súa arte a finais dos anos oitenta do século pasado, cando gañou un premio de escultura no Festival de Pardiñas, en cuxo xurado me atopaba eu.

Xavier é un verdadeiro artesán que traballa coas ferramentas clásicas que sempre utilizaron os canteiros e afirma que agora si se vai a corrente nun taller de cantería pararían todos os obreiros, porque agora non traballan sen máquinas, non saben utilizar ferramentas de man, non teñen un escapilador nin outras ferramentas que non sexan para a radial ou o compresor. É un home que se sinte orgulloso de facer o que fai e de facelo sempre coa máxima perfección, por iso as súas obras son tan apreciadas e tan queridas. Amigo de Xermolos e de Alfonso, alma máter desa Asociación, creou a preciosa obra “O Xermolo da luz”, colocada en Guitiriz, que foi encargada e costeada pola veciñanza de Trasparga, San Salvador, Santa Mariña, Roca, O Vilar, Mariz e Lagostelle para homenaxealo a el e a Xermolos.

Todas as súas obras son unha marabilla, e a min deixoume abraiado a escultura titulada “Parga” polo ben que describe esa nobre vila. O Concello de Guitiriz encargoulle unha fonte de pedra para poñer onde xa houbera outra de material prefabricado, pero pensou que unha fonte é moi bonita, pero tamén moi sucia, tiran papeis e voan follas para ela e a alcaldesa díxolle que fixera a súa maneira, algo que representara a vila, polo que representou a Parga que el lembraba desde neno, cando viña andando á feira con seu avó desde Begonte. Representou o que sempre o impresionou e lle chamou a atención.

A obra, de mais de dous metros de altura, ten no mais alto a torre do castelo; ao seu lado está a feira, representada polo pano dunha muller sen face que leva unha cesta na cabeza; a carballeira, unha das cousas mais emblemáticas, que está representada por unha gran folla de carballo; a ponte maxestosa, que ocupa toda a fronte; o manancial das augas co seu cano e a auga caendo; por último a vía do tren, que non ten moito releve para non facela recargada, pero que pasa polo medio da escultura, que, como na realidade, divide o pobo en dous contra a vontade dos veciños.

Todos eses elementos encaixados lémbrannos perfectamente a vella historia do pobo de Parga e recolle o problema e a loita actual da veciñanza contra a división do pobo, inquedanza que quedará recollida para sempre nesa escultura do “Mestre Mateo” da Terra Chá.