Skip to main content
As PontesDeportes TERRACHÁXA

Jens Dekker e Laura Verdonschot gañan a Copa de España de Ciclocrós nas Pontes

Por 14 Outubro, 2023Sin comentarios

Este 12 de outubro, a Copa de España de Ciclocrós 2023 poñía fin nas Pontes á súa travesía por terras galegas, tras previo paso o pasado sábado por Pontevedra.

O II Ciclocrós Lago das Pontes daba continuidade á competición nunha paraxe extraordinaria, onde propios e estraños gozaron das vitorias do neerlandés Jens Dekker e a belga Laura Verdonschot no lago artificial máis grande de España, e que será protagonista do Campionato de España da disciplina en 2025.

A categoría elite/sub23 masculina tivo un desenlace frenético, co campión de España Felipe Orts a piques de revalidar o seu triunfo nas Pontes, pero que finalmente caeu ao lado de Jens Dekker. A carreira empezou cun rápido ritmo, motivado por un grupo de doce unidades, moi estirado e no que apenas se podían abrir diferenzas.

A medida que pasaban as voltas, marcadas a un total de oito, as duras ramplas do circuíto das Pontes empezaron a debilitar aos corredores. Felipe Orts iniciou o seu ataque a falta de tres xiros, xunto co neerlandés Jens Dekker, terceiro en Pontevedra o pasado sábado. Ambos se foron alternando na cabeza, e abriron oco cun trío formado polo líder Kevin Suárez, Miguel Rodríguez e Thijs Aerts, ao que logo se engadiu Mario Junquera cunha gran remontada. Orts, cun duro ataque, entraba na última volta cunha diferenza duns dez segundos sobre Dekker; con todo, o neerlandés, máis fresco nas subidas, dinamitaba as posibilidades do alacantino, e adiantáballe cando o público nacional soñaba co triunfo do campión de España. Dekker chegaba en primeira posición cunha diferenza de 11 segundos sobre Felipe Orts, e de 27” sobre o corredor belga Thijs Aerts.

O líder da Copa de España Kevin Suárez entraba en sexta posición a 1:07 do gañador, mantendo aínda así o liderado. O galego Miguel Rodríguez, cuarto no día de hoxe, vístese como novo líder en categoría sub23.

Na categoría elite/sub23 feminina, Laura Verdonschot seguiu impoñendo a súa lei no circuíto nacional. Esta vez, a belga quixo romper a carreira desde un inicio, e non esperar á última volta como nas probas anteriores. Lucía González e Sofía Rodríguez tentaron seguila, buscando outra estratexia, pero o impoñente ritmo da líder da Copa nas dúas subidas e no tramo de area, dilapidaba as opcións das corredoras do Nesta.

Con Verdonschot xa imparable, a loita centrábase entre as españolas pola segunda posición. A falta de dúas voltas, a corredora valenciana adiantaba á campioa de España, pero o seu ritmo non foi suficiente para poder alcanzar á belga. Verdonschot sumaba a súa terceira vitoria consecutiva na Copa de España, con Sofía Rodríguez a 20 segundos e Lucía González a 37”. A tamén belga Julie Browers, cuarta no lago das Pontes, convértese na nova líder sub23.