Skip to main content
AbadínBecerreáMonterrosoNegueira de MuñizO SaviñaoO VicedoPalas de ReiQuiroga

Oito concellos da provincia reciben unha achega para comprar un vehículo para os servizos sociais

Por 13 Outubro, 2023Sin comentarios

A Consellería de Política Social e Xuventude concedeu axudas por importe total de 302.000 euros a oito concellos lucenses para adquirir vehículos de emisión 0, eco ou de etiqueta C verde para o seu uso por parte dos servizos sociais municipais.

Están dirixidas a municipios de menos de 10.000 habitantes. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución da convocatoria, que na provincia de Lugo beneficia ao Saviñao, Quiroga, Abadín, Palas de Rei, Monterroso, O Vicedo, Becerreá e Negueira de Muñiz.

A contía máxima da achega económica é de 40.000 euros por vehículo. Os concellos poderán solicitar un anticipo do 80% da axuda concedida, co fin de facilitar que conten con liquidez suficiente para facer fronte á compra do transporte.

A posta en marcha desta liña de achegas, dotada cun millón de euros, enmárcase no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea a través do programa NextGenerationEU. Recentemente tamén se resolveu outra orde para o mesmo fin destinada ás entidades sociais, que repartiu 3,6 millóns de euros entre 80 entidades galegas.