Skip to main content
Castro de Rei TERRACHÁXAComarca TERRACHÁXACospeitoOuteiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Outeiro de Rei centraliza un obradoiro dual de emprego con Castro de Rei e Cospeito

Por 9 Outubro, 2023Outubro 10th, 2023Sin comentarios

O Concello de Outeiro de Rei recibiu resolución da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade de concesión dunha axuda por importe de 531 046,20 euros para a realización do proxecto de obradoiro dual de emprego denominado Santa Isabel V que se desenvolverá nos municipios de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Cospeito.

A solicitude de subvención para a posta en marcha do mesmo foi realizada conxuntamente polos citados concellos, sendo tramitada nesta ocasión polo Concello de Outeiro de Rei, promotor do obradoiro.

O obradoiro dual de emprego Santa Isabel V é un programa mixto de formación e emprego dirixido a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou de interese social.

Para este obradoiro, serán seleccionados un total de 20 alumnos-traballadores desempregados; 6 para Outeiro de Rei e 7 para cada un dos concellos restantes. Todas estas persoas estarán contratadas durante doce meses cun contrato para a formación en alternancia.

A selección de persoas beneficiarias realizarase previa oferta á oficina de emprego Lugo Sur (no caso dos concellos de Outeiro de Rei e de Castro de Rei) e á oficina de emprego de Vilalba (para o caso das persoas demandantes de emprego de Cospeito).

Recomendase ás persoas que estean interesadas, que manifesten á maior brevidade nas súas respectivas oficinas de emprego o seu interese en participar na selección.

As especialidades formativas que está previsto combinan a Pintura decorativa en construción, Pintura industrial en construción,  Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas, Pavimentos e albanelaría de urbanización e Fábricas de albanelaría.

Os participantes deberán cumprir os requisitos sinalados no Real decreto que regule os respectivos certificados de profesionalidade que se impartirán en cada concello e os demais requisitos esixidos nas bases para a selección das persoas traballadoras participantes neste obradoiro que proximamente se farán públicas.

Igualmente, proximamente se realizará oferta para cubrir os postos de persoal directivo, docente e administrativo/a deste obradoiro dual de emprego.