Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAFriolFriol TERRACHÁXAMonforteSarria

Oito centros escolares de Lugo participarán nunha liga sobre ciberseguridade

Por 15 Outubro, 2023Sin comentarios

Máis de 1.000 alumnos de 4º de ESO de 34 centros educativos de Galicia participaran este curso na modalidade preamateur da V Ciberliga 2023, unha actividade teórico-práctica de formación en ciberseguridade e en prol dun exercicio responsable da cidadanía dixital. A iniciativa é impulsada pola Garda Civil e foron elixidas para participar nesta iniciativa Galicia, Castela–A Mancha e Madrid.

Será o Instituto Nacional de Ciberseguridade o que desenvolva a actividade ao longo do primeiro trimestre do curso 2023-2024, con dúas fases clasificatorias. A primeira delas, a nivel galego, consistirá nunha formación en streaming dunha hora de duración á que seguirá un ciber-reto nun espazo virtual seguro no que participará o alumnado en grupos de tres ou catro.

Neste ciber-reto terán a oportunidade de por en práctica os coñecementos de ciberseguridade aprendidos na sesión anterior.

Pasarán á segunda fase, a nivel nacional, os cinco mellores equipos clasificados no ciber-reto a nivel galego. Desenvolverase, con similares características e probas, en Aranjuez (Madrid) do 14 ao 16 de novembro.

Os centros galegos participantes na provincia de Lugo son o IES Perdouro de Burela, o IES Marqués de Sargadelos de Cervo, o CPR Plurilingüe Martínez Otero de Foz, o CPI Dr. López Suárez de Friol, o IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo, o CPR Real Colegio Padres Escolapios de Monforte, o CPR Plurilingüe Ntra. Sra. de la Asunción e o IES Gregorio Fernández de Sarria.

Esta acción enmárcase no protocolo subscrito no ano 2022 pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Dirección Xeral da Garda Civil, así como nas estratexias Edudixital e Educonvives da Xunta de Galicia. Non en balde, a primeira delas prevé a formación dos estudantes para adaptarse aos desafíos que os esperan no ámbito educativo, persoal ou profesional; mentres que a segunda recolle como unha das súas liñas de actuación o establecemento de actuacións específicas cara a unha convivencia dixital responsable.