Skip to main content
LugoRábade LUGOXARábade TERRACHÁXA

“O obxectivo principal é xuntarse e pasalo ben, máis para socializar”

Por 9 Outubro, 2023Sin comentarios

Luis Coira é un dos membros do grupo Estoupacaldeiros, de Rábade.

Nas festas de San Froilán sempre hai tempo para a participación dos grupos e colectivos locais ou de concellos da contorna, que forman parte do programa. É o caso do grupo Estoupacaldeiros, que fai dous pasarrúas, o venres 6 estivo polo recinto histórico e o martes 10 pola zona de Augas Férreas. Porque a música convive sempre co sorriso.

Cantos son na formación?

Nós non temos un número fixo, non somos unha formación estable no sentido de que levamos xa anos e vai entrando xente e vai saíndo outra. De todas formas os que están nunca saen de todo, si están por aquí e actuamos veñen e tocan con nós.

Pero hai un grupo de músicos inicial?

Os que comezamos na formación somos Lucho Lago que era un dos gaiteiros, eu era outro. Tamén estaba Manuel, que tocaba o tambor; Quico que tocaba o pandeiro e Huggy (Alfonso) que tocaba o bombo. Este grupo inicial comezamos no ano 82.

Como xorde a idea?

Supoño que foi un pouco que nos prestou a todos. Naquela tempada estaba en boga Milladorio e nós formamos unha asociación cultural, que era a Asociación Cultural Chaira, e empezamos cada un a facer cousas, eu a gaita e Lucho empezou a tocar tamén e despois xuntámonos. Dentro dese contexto xeral que estaba tomando importancia a música tradicional e nós estabamos no proxecto de formar a asociación cultural, pois foron un pouco o que nos levou por aí.

De onde ven o nome de Estoupacaldeiros?

O nome sacouno Haggy, ocurréuselle sen moito máis, falando da idea da musicalidade do grupo.

Que música tocan?

Principalmente música tradicional e folk. Como instrumentación contamos con gaita, acordeón, percusións e agora está entrando tamén algunha corda. Isto depende tamén dos que saiamos cada día.

En que formato actúan habitualmente? Pasacalles, concerto…

Non acostumamos tocar en ningún escenario, mais ben tocamos polas rúas e polos bares. No momento do Covid tivemos un parón grande e estamos aínda un pouco coa idea de retomar, xa non pensando tanto en saír a actuar senón máis ben en xuntarnos, ir a unha taberna a picar algo e estar alí tocando e desfrutando.

Van agora ao San Froilán, é habitual?

Xa tocamos varias veces, non é que vaiamos todos os anos, pero xa estivemos varios anos.

É logo como unha xuntanza, co obxectivo de pasalo ben?

Si, o obxectivo principal é xuntarse e pasalo ben, desfrutar. É un tema máis de socialización que doutra cousa.

Teñen algunha perspectiva de futuro?

Agora mesmo o proxecto que temos é conseguir establecer unha rutina, ao mellor dunha vez ao mes polo menos, para ir a algún sitio e tocar. A expectativa é poder desfrutar nós do que estamos facendo.

Como realizan a formación musical?

Nós principalmente cada un polo seu lado, sobre todo nos primeiros momentos. Cando xa levabamos uns anos en Rábade tamén se formou a escola de música, que a levou Armando, e ao principio tamén estivo Gema, que é a acordeonista e alí si que iamos a clases de percusión con Brais. E seguimos facendo cousiñas, basicamente para desfrutar.