Skip to main content

Este sábado, 25 de novembro, celebrouse o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha data para conmemorar esta lacra social ten unha razón de existir. E os diferentes concellos da Mariña quixeron amosar a súa solidariedade con diferentes actividades, manifestacións e andainas.

Trátase dunha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas co impulso das administracións locais, e que ano tras ano medra, involucrando a máis concellos, institucións e sectores, chegando a expandirse de xeito viral mesmo fóra de Galicia.

Aínda que está latente durante todo ou ano, é sobre todo no mes de novembro, e no 25N, cando a acción desprega a súa actividade de forma máis intensa.

Así mesmo, os cativos da comarca tamén participaron e colaboraron nos diferentes actos, como no caso do alumnado do CEIP de Cervo e o CEIP Península da Paz, e tamén da asociación Mulleres en Igualdade Cervo, que leron manifestos e agasallaron aos asistentes con galletas feitas pola asociación.

En Burela o acto contou coa especial participación do alumnado do IES Monte Castelo e do IES Perdouro, que inauguraron o seu Xardín da Memoria. Con esta actividade, as nenas e nenos reflexionaron sobre os signos identificadores da violencia de xénero e a vida das mulleres asasinadas a mans das súas parellas.

Os cativos dos dous colexios de Barreiros así como as crianzas do último curso da escola infantil expresaron os seus sentimentos e compartiron ideas en caixas de cartón.

Tamén a Deputación de Lugo condenou a lacra do machismo criminal coa marcha En camiño contra as violencias, organizada polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da institución en Lugo.