Skip to main content
Foz

O programa UNICO Banda Ancha do Goberno central achegará a conexión a internet ás vivendas e empresas de Foz

Por 9 Novembro, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, puxo en valor xunto ao alcalde de Foz, Francisco Cajoto, os avances na aposta do Goberno de Pedro Sánchez para garantir o 100% de cobertura de acceso a internet de alta velocidade na provincia de Lugo. O concello de Foz foi beneficiario das dúas convocatorias do Programa UNICO-Banda Ancha que desenvolve o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital cun total de 328.565,40 euros para achegar conexión de banda ancha con velocidade ultrarrápida a 1.034 familias e empresas focenses.

Isabel Rodríguez insistiu no compromiso do Goberno con Lugo a través deste programa, co obxectivo de que “os nosos municipios estean cada vez máis conectados para a tan necesaria cohesión territorial, e que a xente nova poda asentarse en núcleos de poboación máis pequenos coas mesmas oportunidades para desenvolver o seu proxecto de vida”.

No caso da provincia de Lugo, ao igual que Galicia, os fogares e empresas beneficiados desta iniciativa atópanse en ‘zonas brancas’, aquelas que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 300 Mbps, nin plans para a súa dotación nos próximos tres anos. “Coa execución dos 288 proxectos no concello de Foz garantimos que os veciños e veciñas dispoñan dunhas condicións estables e eficaces de conexión a Internet, fundamental na actualidade”, manifestou Isabel Rodríguez.

“O programa ten como obxectivo a igualdade en todo o territorio da provincia nun aspecto fundamental como é hoxe en día o acceso a internet e o uso das novas tecnoloxías tanto nos fogares como nos negocios”.

Plan UNICO

Esta edición do programa UNICO Banda Ancha dá continuidade ás postas en marcha en 2021 e 2022 e está destinada a universalizar a cobertura de banda ancha ultrarrápida vía fibra como ferramenta de cohesión social no marco do Plan de Recuperación do Goberno. Entre as dúas convocatorias deste plan, o Goberno levará a tecnoloxía de conexión ultrarrápida a máis de 32.700 vivendas e empresas da provincia.

“Estas novas axudas permiten seguir avanzando co despregamento das infraestruturas necesarias para garantir unha conectividade adecuada a toda a poboación da provincia co compromiso firme de que no 2025 todos os municipios lucenses estean conectados a internet por banda ancha”, apuntou Isabel Rodríguez.