Skip to main content
Foz

O PSOE reclámalle á Xunta que faga o mantemento do Porto de Foz e reverta no Concello os terreos sen uso

Por 28 Novembro, 2023Sin comentarios

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia pedirá no Parlamento unha iniciativa para reclamarlle á Xunta que faga o mantemento do Porto de Foz  e reverta no Concello os terreos que xa non teñen uso portuario.

“O Concello de Foz abona a Portos de Galicia polo uso da explanada portuaria para usos non portuarios máis de 120.000 euros ao ano, pero pola contra esta entidade pública empresarial esquece as súas obrigas de conservación das instalacións e infraestruturas portuarias, atopándose a explanada portuaria de Foz nun estado pésimo e moi perigoso debido ás numerosas fochancas e fochas que existen nos viais da zona portuaria”, din.

No Parlamento de Galicia, na Comisión 8ª de data 11 de maio de 2018 aprobouse por unanimidade unha Proposición non de lei na que se lle instaba a Xunta de Galicia a que realizase esta dragaxe de xeito urxente. De novo o 12 de setembro de 2019 aprobouse no Parlamento de Galicia, tamén por unanimidade, outra proposición para acometer unha mellora integral do porto Chico de Foz.

O 20 de decembro de 2019 este grupo parlamentario preguntáballe en Comisión á presidenta de Portos, se existía nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2020 unha partida que establecese a contratación da asistencia técnica que serviría para preparar a documentación e iniciar os estudios correspondentes para poder facer a dragaxe deste porto, así como a cantidade destinada a tal fin. A súa resposta foi que a obra de dragaxe se acometería, pero que non estaba prevista executala no ano 2020 e que se atopaba en fase de redacción dos pregos para contratar a asistencia técnica dos estudos de impacto ambiental de diversas dragaxes en Galicia.

En xuño de 2021 contestaban dende o Goberno galego que non había partida orzamentaria concreta para esta dragaxe pero que estaba incluída nunha partida xenérica de estudos ambientais e de dragados, na que se prevían máis de 20 obras desta índole en toda Galicia.

Pero o certo é que despois de 7 anos de espera nada se sabe e só aparece a representante de Portos de Galicia con membros do PP de Foz, para facer anuncios baleiros, en datas próximas ás últimas eleccións municipais.

A pesar dos acordos parlamentarios e dos anuncios da Xunta de Galicia, a día de hoxe a falla de calado e as malas condicións de abrigo das instalacións do porto Chico de Foz seguen a empeorar, sen que a Xunta de Galicia aporte ningunha solución. A falta de calado implica que as embarcacións teñan problemas para entrar e saír do dito porto, coa conseguinte falta de seguridade que isto implica. O problema estase a dar coa marea baixa que deixa inutilizadas partes das embarcacións.

Por iso é urxente que a Xunta de Galicia poña remedio a estas situacións e leve a cabo unha reestruturación do porto deportivo de Tupide, coa modificación da bocana, dragaxe e ampliación se servizos.