Skip to main content
A PontenovaComarca AMARIÑAXACultura AMARIÑAXA

Manuel Miranda de Mariña Patrimonio: “Na Mariña temos unha riqueza arqueolóxica moi grande”

Por 12 Novembro, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Manuel Miranda é o presidente do colectivo cultural Mariña Patrimonio.

Cal é o seu ámbito de traballo?

Ben, como o propio nome indica é a Mariña, pero nos estatutos poñemos como ámbito toda Galicia. Pero nun principio é a Mariña aínda que cando sabemos dunha destrución do patrimonio fóra da comarca tamén o denunciamos e actuamos.

Cal é o achado máis representativo?

Nós a verdade é que nestes anos que levamos traballando descubrimos, imos dicir así, moitos xacementos arqueolóxicos, que é bastante importante. Nós cando temos coñecemento ben porque os descubramos, ben porque algún veciño ou alguén nos informa del o que facemos é comunicarllo á Dirección Xeral de Patrimonio e unha vez comunicado, algunhas veces actúa correctamente. Descubrimos desde xacementos moi importantes do Paleolítico como por exemplo na zona de río Cobo, en Cervo, ata mámoas, e tamén temos descuberto un número moi elevado de castros. Non hai un que destaque máis xa que depende moito de quen o vexa, polo que importantes nun principio son todos.

“Durante todo o ano temos actividades, por exemplo, estes anos intentamos visitar todos os concellos da Mariña e o seu patrimonio”

Cantos castros haberá na comarca?

A verdade non o sei. Fai anos accedemos a un listado da Xunta que era dos xacementos arqueolóxicos no que chamaba a zona norte da provincia de Lugo, e nesa lista contaban uns 500 elementos arqueolóxicos. Pero na Mariña agora non sei cantos pode haber, non sei se hai algunha contabilidade diso, porque ademais van aumentando cada pouco tempo.

Cre que a veciñanza informa sobre os posibles xacementos?

Si, malia que evidentemente hai de todo. Hai xente que non quere que se saiba, por exemplo que hai un castro na súa zona porque pensa que lle pode traer algún prexuízo e a verdade é que algún pode traerlles porque, por exemplo, se tes pensado plantar eucaliptos resulta que a lei prohibe plantalos. Iso a xente sábeo e hainos que prefiren plantalos a que o castro estea protexido e prefiren calar a boca. Pero desde logo tamén hai moita xente que sabe a importancia que teñen os restos arqueolóxicos e o patrimonio en xeral e cando saben dalgún si que nolo comunican e ademais séntense moi orgullosa de que no seu pobo, na súa parroquia haxa un castro ou unhas mámoas espectaculares.

Entón é unha cuestión de concienciación?

Si, en parte é unha cuestión de concienciación ou de información. Moita xente non sabe o significado dunha mámoa, non sabe o que é nin a importancia que ten. Normalmente cando se lle explica incluso á que nun principio é reticente, tamén o sabe valorar. Por iso unha das misións de Mariña Patrimonio é a divulgación, que a xente saiba o que ten, porque para protexelo, para que a xente saiba o que é, ten que estar informada.

Esta concienciación vai en aumento?

Desde logo que si, e moito. Por unha parte a xente ve máis noticias e sabe da importancia dun castro ou dunha escavación e cando sabe que na súa parroquia hai un parecido tamén lles gusta saber que teñen algo importante.

Como detectan algún xacemento?

Nós detectámolos coas fotografías aéreas, por exemplo ves todo o territorio e estas vanse renovando cada certos anos. Nós, que sabemos onde están os xacementos arqueolóxicos, cando hai unha renovación desas fotografías comprobamos si se viron afectados, por exemplo, polas cortas de eucaliptos e, dende hai uns anos cada vez que había un cambio de fotos pois detectabas que había una destrución moi grande. Nesas épocas nós empezamos a denunciar, empezouse a saír en prensa, e a Xunta e o Seprona actuaban. E claro, miras agora cando hai os cambios de fotos e comparas, e ves que as mámoas se respectan, non plantan enriba de mámoas, os castros non están plantados, non meten a paleadora, etc. Na Mariña había 20 xacementos afectados a na actualidade ao mellor ves un.

Ás veces a preservación do patrimonio vai contra algúns intereses económicos ou políticos?

Si, desde logo. Nós somos conscientes de que se tes un monte e nel un castro, pois non podes plantar e por suposto é un prexuízo pero hai que telo en conta. Eu o exemplo que poño moitas veces é como a xente que ten terreos en Barreiros a poucos metros da praia e que lles prohiben construír un chalé. E iso son moitísimos máis prexuízos que plantar uns eucaliptos. Hai unhas leis que prohiben uns certos usos en certas partes do territorio e as leis hai que respectalas. Evidentemente crea un malestar para quen teña nunha leira un castro ou unha mámoa, igual que é unha molestia para quen teña unha leira a menos de 100 metros do mar.

Traballan da man de Patrimonio na catalogación?

Desde a asociación sempre estamos abertos a colaborar e, en efecto, colaboramos con todas as administracións, cos concellos coa Deputación, e con Patrimonio tamén. O que pasa é que nós detectamos que hai un problema moi grande co servizo de Patrimonio de Lugo. Detectamos que na súa maneira de actuar hai moitas cousas que non se están facendo como se terían que facer, nós estamos máis ou menos pendentes do que fai o servizo de Patrimonio, do servizo de Arqueoloxía de Lugo, e atopamos que hai certas cousas que non están ben feitas e nós dicímolo sen ningún problema. E cando unha Administración actúa correctamente, tamén hai que recoñecelo e dicilo, pero a Dirección Xeral de Patrimonio, concretamente o Servizo de Arqueoloxía de Lugo AC actúa moi mal en moitísimas ocasións e nun número moi elevado de ocasións.

“Hai unhas leis que prohiben uns certos usos en certas partes do territorio e as leis hai que respectalas. Evidentemente crea un malestar”

Fan actividades durante todo o ano?

Outro dos nosos labores máis importantes é a divulgación, ensinarlle á xente. Durante todo o ano temos actividades, por exemplo, a actividade que fixemos estes anos foi intentar visitar todos os concellos da Mariña e dar unha volta polo seu patrimonio cultural, non só arqueolóxico. Unha cousa que nos chamou a atención e que á xente lle gusta moito polo que empezamos a ir a igrexas, ás máis significativas de cada concello. E hai que recoñecer que temos un patrimonio importantísimo e moi rico, un patrimonio en ocasións moi esquecido, moi abandonado tamén, e que cremos que é un patrimonio que hai que empezar a valorar e a sacarlle partido porque temos unha riqueza moi grande.

O Concello de Cervo anunciou hai un ano a creación do primeiro centro arqueolóxico da Mariña que estará situado na Atalaia. Que lle parece a idea?

Parécenos moi ben, entre outras cousas porque a idea foi nosa. A Asociación Mariña Patrimonio naceu precisamente dun conflito que houbo na Atalaia onde se deu licenza para construír uns edificios e nós opuxémonos e en parte os edificios non se fixeron grazas ao traballo que fixemos para que non se chegaran a facer. Tivemos un enfrontamento bastante grande co Concello, pero a partir de aí as relacións co Concello foron moi boas, foron de total diálogo e conxuntamente con eles temos falado moitas veces que se podía facer alí e a nosa aposta era precisamente que se fixera un centro nesa zona e ademais nun dos edificios que provocou a destrución de 1.000 m2 de xacementos arqueolóxicos. Falando co alcalde daquela época, pareceulle moi boa idea e apostou por esa vía e a nós evidentemente parécenos unha moi boa idea. A verdade é que na Mariña temos unha riqueza arqueolóxica moi grande e fai falla un centro ou un museo para poder acoller todas as pezas arqueolóxicas que podan aparecer na comarca e este sería un lugar ideal. O que non é lóxico é que pase como está pasando agora é que, por exemplo, as pezas que aparecen na ría de Viveiro ou as que apareceron no mar en Xove vaian para museos doutras vilas como o Museo do Mar en Vigo ou o Museo Provincial de Lugo ou que estean metidas nun almacén e que non se poidan ver, pois son importantísimas.