Skip to main content
A PontenovaCultura AMARIÑAXA

Darío Campos: “A Feira de Antigüidades e Artesanía é xa un referente neste sector”

Por 26 Novembro, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Darío Campos, rexedor local, fala sobre o turismo de aventura e etnográfico.

A Pontenova destaca por contar cun amplo corazón verde. Cales son os principais atractivos?

Destaca por ser un municipio con moito bosque, moitos quilómetros verdes, nos que se pode gozar do río Eo e da arquitectura popular como son os muíños, e das rutas de sendeirismo. Cada unha das nosas rutas de sendeirismo conta unha historia diferente.

Como son estas rutas?

Contamos coa Ruta do Ferrocarril, que amosa a historia e o percorrido que facía o único tren mineiro que existiu en Galicia; a das Minas, que amosa o entorno daqueles mineiros de principios do século XX; a dos Fornos, na que se ve o proceso de calcinación que neles se realizaba; a Férrea, que sortea a difícil orografía da zona pola que discorre; a Ruta das Reigadas e a Ruta da Seimeira, que ensina como eran antes os montes en Galicia antes de que a chegada doutras especies foráneas de crecemento máis rápido cambiase por completo a fisionomía dos montes.

E agora están inmersos na creación doutra, non?

Si, estamos preparando, que esperamos que estea lista para dentro dun mes, e que conta cunha especie de ponte tibetana e que se atopa na parcela da mina. Queremos que sexa parte do trazado da nova ruta das minas.

E por onde transcorrerá?

Irá bordeando a explotación a ceo aberto por unha trincheira ou calicata que era por onde sacaban o mineral. Ten o seu atractivo porque se ven buratos, escavacións e unhas penas cun miradoiro moi bonito. Todo isto fai que toda a ruta sexa moi fermosa e distinta ás demais o que fai que se potencie o turismo de aventura.

A tirolina segue dando pulo ao turismo?

Por suposto. A verdade é que influíu moito no turismo e é un complemento máis a todo o que ofrece o noso pobo como é a mina. Ademais no municipio estanse a vender moitas casas para xente de fóra de Galicia, porque supoño que veñen a algo máis climaticamente tranquilo e ademais rodeados de natureza e no rural e que se atopa a un paso doutros moitos atractivos da comarca e de cidades.

“A baixada á mina é algo que non podes atopar en ningún outro sitio, polo menos aquí en Galicia”

Que nos pode contar da mina?

A baixada á mina é algo que non podes atopar en ningún outro sitio, polo menos aquí en Galicia non hai ningunha explotación mineira que se poda visitar por dentro, e con iso a xente queda bastante abraiada, ademais como tes que poñer a roupa, o casco e o frontal, é algo totalmente diferente. Polo momento só se pode baixar a o nivel -1 malia que conta con 6 e a nosa idea é conseguir nun par de anos que se puidera baixar a todos os niveis.

E da nova ponte tibetana?

A ruta da ponte tibetana sairá dos Fornos e irá bordeando a explotación a ceo aberto. Ten 40 metros de caída e 30 de lonxitude e consiste en varios cables de aceiro, un inferior polo que se avanza camiñando e outros superiores que se agarran coas mans e con arneses. É apta para todos os públicos, aínda que é mellor se se está en boa condición física, pero non é indispensable.

Xa no mes de decembro acollerán unha nova edición da Feira de Artesanía e Antigüidades?

Si, será coma sempre na ponte festiva dos días 8, 9 e 10 de decembro e na praza dos Fornos instalaranse numerosos postos de artesanía de diferentes zonas xeográficas de toda España. A feira está moi ben organizada e asentada xa que moitos dos anticuarios e os artesáns adoitan repetir. Nestes días achéganse entre 3.000 e 4.000 visitantes ata A Pontenova, xa que nestas datas de inverno no que non hai moita festa ata o Nadal, e ademais é un evento moi consolidado na comarca.

Que se poderá ver nesta Feira?

Pois expoñeranse artigos de cestaría, carpintería, complementos en tea, xoiería ou coiro. Tamén adoita haber talleres en vivo de artesáns para amosar os seus oficios. Esta cita, que é xa un referente no sector contará con máis de 60 expositores entre anticuarios e artesáns. Como complemento á Feira celebrarase tamén a Xuntanza de Vespas, motos e coches clásicos, na que se pode desfrutar destes vehículos históricos e ademais haberá premios.

Como marchan as obras da residencia de maiores?

Pois a verdade van a bo ritmo, e calculamos que a finais de ano a estrutura estea totalmente rematada, e para equipala e botala a andar xa será no 2025. Ogallá rematen antes as obras, pero prefiro xogar con estas marxes. É un proxecto moi importante para a veciñanza pois dotará ao pobo dun servizo importantísimo. Contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día, tamén dará traballo directamente a unhas 25 persoas e creará indirectamente outros empregos e actividades económicas na vila.

Noutra ocasión citou que lle gustaría rehabilitar a Ferrería de Bogo. Como se atopa ese proxecto?

Pois vamos pasiño a pasiño. Estamos intentando mercala, xa que é unha edificación particular, e os donos están inmersos nuns pequenos problemas burocráticos de herdanzas. Pola nosa parte está o arquitecto facendo a valoración para que, senón é neste ano que sexa a principios do que vén, se poida escriturar ao noso nome. Así mesmo xa presentamos un proxecto a nivel Europa para conseguir fondos. Así que pouco a pouco xa que é unha mágoa que un edificio emblemático que data do século XV estea nese estado. É un fermoso lugar e será moi agradecido para visitar e para ver e sentir como era a ferrería.

Tamén estiveron amañando un muíño na Ruta dos namorados.

Certo e o muíño xa está restaurado por fóra e agora quédanos o interior. Estaría ben que atopásemos a alguén especializado nese tema e que nos puidese botar unha man aínda que nada máis sexa para unha fin didáctica e que os rapaces vexan como se facía este traballo. Na Pontenova xa non queda ningún muíño que faga os labores que facía o muiñeiro.