Skip to main content
A PontenovaComarca AMARIÑAXA

A comarca da Mariña prepárase para o Nadal

Por 30 Novembro, 2023Sin comentarios

A ponte do mes de decembro adoita ser a data idónea para acender o alumeado de Nadal nos concellos da comarca, por iso a gran maioría dos municipios estivo estas semanas de novembro engalanando as rúas e prazas.

“Leva tempo preparar un alumeado bonito e que poida sorprender aos veciños e visitantes”, explica a concelleira de Cultura de Foz, Inés López Couto, quen engade que “en Foz o Nadal sempre é unha data especial, pero levamos uns anos envorcándonos máis, poñéndolle un chisco extra, porque as caras dos máis pequenos son o mellor o día do acendido”.

Todos os anos os concellos decoran con moito agarimo e colocan os adornos de Nadal para así dar o disparo de saída das festas e poder animar e fomentar as compras no comercio local.

Este ano a crise coa consecuente suba de prezos na gasolina, na enerxía eléctrica e na cesta da compra farán que xa non sexa tan importante a carreira por acender antes senón por abaratar na medida do posible os custos.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, destaca “a colaboración constante co comercio local que temos dende o Concello, dada a importancia que as luces de Nadal teñen para o sector e para a veciñanza en xeral”.

A maioría dos concellos seguen apostando polo alumeado e pola colocación de grandes árbores nas principais prazas.

En Foz está programado que o día 1 de decembro comecen a brillar as luces, o bright friday ou venres luminoso. “Queremos facelo antes da ponte, para dar un aliciente máis para achegarse nos festivos de decembro e vir a pasear e a consumir en Foz”, di a concelleira de Cultura focega.

En Burela o alumeado de Nadal estenderase ao longo de máis de trinta rúas e prazas da localidade e o seu acendido terá lugar o vindeiro día 6 de decembro e apagarase o 6 de xaneiro, Día de Reis. O acto de acendido incluirá ademais unha actuación musical. Así mesmo celebrarase un Mercado de Nadal na praza da Mariña os días 2 e 3 de decembro.

Pola súa banda, Patricia Eijo, concelleira de Economía e Facenda e de Festas e Festexos, destacou “as novidades na iluminación artística e decoración que haberá este ano. As luces chegarán a novas zonas e barrios, coa fin de promover ao máximo o comercio local e a diversión das nenas e nenos”, sinalou a concelleira.

Viveiro tamén contará, desde o primeiro día da ponte, co seu tradicional belén ‘Viveiro ante o berce’ no atrio da Igrexa de Santa María así como cun amplo alumeado nas rúas.

O belén ‘Viveiro ante o berce’ está considerado como un dos máis importantes de Galicia, tanto pola súa beleza e a dimensión das pezas que o compoñen, como pola extensión do conxunto do propio belén e por estar instalado nun enclave histórico-monumental único.

En Lourenzá a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos, prepara un Mercado de Nadal para os días 9 e 10 de decembro. Tamén contarán un ano máis coa Vila de Nadal, na praza do Conde Santo, elaborada artesanalmente e que “conta con máis figuras que as do ano pasado”, di Rocío López, alcaldesa laurentina, “está previsto que se inaugure todo para a ponte festiva”.

O alumeado será acendido en Ribadeo o vindeiro 1 de decembro, xornada na que tamén dará comezo o Mercado do Nadal, que se prolongará ata o día 10.

Nesta vila o Nadal contará cunha ampla programación e con moitas novidades: “estamos a construír un Nadal que está pensado para todas as idades e queremos acoller a aqueles visitantes que veñen a gozar do Nadal ribadense”, dixo o rexedor.

Tamén contará con pista de xeo este Nadal que estará instalada nunha carpa na avenida Rosalía de Castro entre o 3 de decembro e o 7 de xaneiro. O horario durante o mes de decembro será de 16.30 a 21.00 horas e do 2 ao 7 de xaneiro de 12 a 14 horas e de 16.30 a 21.00 horas. Os días de Noiteboa e de Aninovo a instalación estará pechada.

En Xove o alumeado “será similar a anos anteriores e contarán coa tradicional árbore de Nadal”, di o rexedor, o que si é que non haberá pista de xeo como o ano pasado. Este alumeado comezará a funcionar durante a ponte de decembro.

En Mondoñedo colocarase un Belén de gran formato na Catedral da man da Asociación de Belenistas da Diocese de Mondoñedo Ferrol. Así como seguirán apostando pola decoración e alumeado nestas datas “esta importante aposta sirva para atraer visitantes a coñecer a nosa cidade e engrandecer así o noso rico patrimonio monumental”, din dende o Concello. Inaugurase o venres 1 de decembro.

Dentro das novidades deste ano, as 8 rúas máis céntricas contarán con novas luces e incorporaron novos arcos para as avenidas Bos Aires e San Lucas. Os 10 espazos de Nadal volverán a estar distribuídos polos recunchos do casco histórico e os diferentes barrios, como son a Casa de Papá Noel, a do Apalpador, o rincón do trineo, os trasgos de Papá Noel, o portal de Belén ou diferentes bonecos de madeira.

No Vicedo volverán contar co alumeado que adoitan colocar en todas as parroquias “para que alegre as rúas de todo o municipio durante estas datas”.

A veciñanza do Valadouro volverá a desfrutar un ano máis da súa Papanoelada moteira, organizada polo Moto Clube Valadouro, e que percorrerá as rúas do Concello ata chegar á praza de Santa María.

Esta tradicional xuntanza será o día 24 de decembro e comezará a media mañá para percorrer as rúas do Val ata chegar á praza. Acto seguido será a recepción oficial de Papá Noel con todos os nenos e nenas do Val.

O Concello de Cervo aposta un ano máis polo material reciclado para a confección de adornos propios do Nadal. Ademais da decoración a partir de residuos procedentes do medio mariño situada no espazo verde contiguo á Casa do Mar en San Cibrao, a delegación de Medio Ambiente repartiu polas parroquias do municipio varios bonecos de neve confeccionados a partir de pneumáticos.

Os bonecos tamén contan con outro tipo de residuos como escobas sen uso, redes e cabos extraídos da costa (bufanda), testos (sombreiro), tapóns (boca), refugallos de madeira (nariz) e demais anacos de plástico (ollos).

O obxectivo principal desta iniciativa é didáctico coa fin de incidir na concienciación da veciñanza sobre a importancia que ten a reciclaxe para o medio ambiente, así como de ensinar que a reutilización de materiais que contribúen á contaminación, pode resultar tamén divertido e proveitoso. Ademais, estes novos adornos veñen complementar a xa tradicional decoración de Nadal instalada nas diferentes zonas do Concello e enxalzan o espírito de Nadal das parroquias.

Así mesmo, na Pontenova colocarase un árbore realizada, o ano pasado, polo alumnado de FP dual de soldadura e caldeiraría do Instituto Enrique Muruais. A árbore que mide preto de 5 metros, está feita de ferro, aluminio e aceiro inoxidable e ademais “están a facer outra máis grande para poñer na praza dos Fornos”, dixeron dende o Concello.

O alcalde, Darío Campos agradeceu o agasallo realizado polos alumnos deste centro ao concello, “nunha vila que conta con tanta tradición no mundo do ferro é un verdadeiro privilexio contar con esta pequena obra de soldadura. Estou moi orgulloso do traballo destes estudantes, agora podemos comprobar e ver con ledicia que este oficio segue tendo futuro”.

En Ourol contarán con alumeado de Nadal en todas as parroquias e “unha magnífica árbore  estará colocada xunto a area de caravanas”, dixo o rexedor José Luis Pajón.

No concello veciño de Barreiros o alumeado é similar ao de outros anos, con algún punto mellorado como as prazas do Concello e o Souto e “faremos actividades de Nadal para todas as idades e en colaboración con asociacións”, di Daniel García, concelleiro de Cultura, “o alumeado acenderase na ponte de decembro dando comezo ás actividades”.

As parroquias de Alfoz tamén estarán decoradas durante estas datas festivas, “poñeremos alumeado en todas para que toda a veciñanza poida desfrutar por igual destas datas”. Así mesmo, o Castelo do Castro de Ouro lucirá a súa tradicional estrela de Nadal, unha das máis grandes de Galicia, no alto da torre.