Skip to main content
Ribadeo

Por Nuestro Faro denuncia que siga sen legalizarse a fosa séptica do Faro Illa Pancha

Por 3 Novembro, 2023Sin comentarios

A asociación de veciños Por Nuestro Faro denuncia novamente que siga sen legalizarse a fosa séptica do Faro Illa Pancha pois leva “moitos anos en situación irregular”.

“Hai exactamente cinco anos e dous meses -en agosto de 2018- presentamos alegacións á proposta de legalización da fosa”, comunicaron, “lembremos que aquel proxecto de legalización inconcluso foi presentado despois de que o hotel xa estivese aberto ao público e se aprobaran todos os informes, autorizacións e licenzas pertinentes, sen ter en conta o funcionamento da citada fosa. E así ata hoxe”.

“Hai uns días recibimos resposta de Augas de Galicia a aquelas vellas alegacións”, din, “na resposta non se teñen en conta os nosos argumentos, senón que presenta un claro desaxuste coa situación actual da illa e coa actividade que nela se desenvolve”.

Dende o colectivo lamentan que “non serviran de nada as 8 declaracións escritas do Defensor del Pueblo e con copia no Concello de Ribadeo, no Porto de Ferrol-San Cibrao e na Xunta de Galicia, reclamando un estudo simplificado de impacto ambiental. Se a lei e o Defensor non fan que se mova unha palla en ningunha oficina, é porque nas oficinas non queren que se mova, e esa vontade supera a de pertencer á Rede Natura 2000, ser unha zona de especial protección para aves (ZEPA) ou un lugar de importancia comunitaria (LIC): estes títulos non son os que moven montañas”.

Dende a asociación “remitimos a Augas de Galicia un novo escrito coas alegacións e que son que consideramos que a demora de cinco anos en emitir este informe podería afectar aos contidos do mesmo. Así mesmo descoñecemos os controis que se levan efectuado ao longo destes cinco anos das emisións emitidas polos apartamentos turístico, como da cafetería anexa aos devanditos apartamento que funciona dende agosto 2021”.

“No informe non se citan as condicións que afectan ao vertido por atoparse nun espazo incluído na Rede Natura 2000”, engaden, “e non se toman en consideración os oito informes do Defensor del Pueblo”.