Skip to main content
Ribadeo

Por Nuestro Faro pide que varias pezas arquitectónicas do Faro Illa Pancha sexan declaradas BIC

Por 29 Novembro, 2023Sin comentarios

A asociación de veciños Por Nuestro Faro vén de comunicarse co alcalde ribadense para pedir que as pezas arquitectónicas do Faro Illa Pancha sexan declaradas BIC, Ben de Interese Cultural.

Este colectivo ten amosado o seu interese nos últimos meses pola relevancia cultural e social de certos elementos presentes no edificio do vello faro de Illa Pancha. En efecto, a escaleira de caracol e o balcón circular da lanterna son pezas construídas nas Antigas Forxas Artesanais de Sargadelos, a finais do século XIX.

Por esta razón, “cremos que a súa contemplación e estudo non debera quedar restrinxido ós usuarios dos apartamentos turísticos, concedidos a unha empresa privada para a súa explotación particular. Este dereito dos veciños e visitantes foi eludido a través do procedemento que levou á privatización do faro e da Illa Pancha sen un estudo dos antecedentes históricos e culturais deste equipamento. Pensamos que ese dereito debe ser restituído para que quen desexe poda visitar estas pezas da arquitectura tradicional galega sen máis limitacións que as establecidas pola normativa vixente”, din dende o colectivo ribadense.

“O conxunto do que forman parte deberan ser declaradas BIC tanto polo seu propio interese cultural, social, histórico e turístico como por cumprir de xeito claro cos criterios establecidos na lei 8/1995 do Patrimonio Cultural de Galicia para ser incluídas no Rexistro de Bens de Interese Cultural”, din.