Skip to main content
Viveiro

A programación do 25N trasladouse aos IES María Sarmiento e Vilar Ponte de Viveiro

Por 30 Novembro, 2023Sin comentarios

A programación do Concello de Viveiro con motivo do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, trasladouse aos IES María Sarmiento e Vilar Ponte a través dun proxecto que ten vocación de continuidade. O alumnado de 1.º de ESO participou no obradoiro co que comeza un ciclo que está financiado con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) promoven esta iniciativa que ten como obxectivo “dotar de ferramentas á rapazada para que aprenda a vivir nunha sociedade máis igualitaria e, sobre todo, na que se respecten mutuamente os uns aos outros”, explicou a concelleira Lara Fernández Fernández-Noriega. Para a responsable municipal de Igualdade, “entrar dentro das aulas e tecer redes cos centros educativos é fundamental”. “Como equipo de goberno, seguiremos traballando a prol de que os nosos rapaces e rapazas fomenten e constrúan cada día unha sociedade mellor”, asegurou.

A sesión desenvolvida esta mañá da inicio ao programa “Eu creo… Nós creamos!” co alumnado dos centros e desenvolverase de xeito quincenal ata o vindeiro mes de maio. Os seus obxectivos son a prevención do acoso e o maltrato, o fomento da empatía e a responsabilidade sobre os propios actos e, especialmente, a sensibilización arredor da violencia machista.

A responsable de impartir o obradoiro é Llerena Perozo, escritora, feminista e cunha longa experiencia no traballo coa comunidade educativa. Entre os temas que se están a tratar, cun enfoque eminentemente práctico, atópanse o acoso escolar, o acoso sexual e o emprego das identidades virtuais.