Skip to main content
Axenda CaducadaChantada

Chantada acollerá a VI asemblea de Interior Galego Vivo

Por 12 Novembro, 2023Novembro 13th, 2023Sin comentarios

Interior Galego Vivo (IGV) celebrará o vindeiro 18 de novembro a súa VI asemblea na vila de Chantada, concretamente no Círculo Recreativo Cultural, tamén chamado Casino, cun posterior xantar de confraternización ao que poderán anotarse as persoas interesadas ata o día 14.

A VI asemblea, tal e como explican os organizadores, “suporá un pulo organizativo moi importante onde decidiremos a nosa política de alianzas e a estratexia a seguir perante os vindeiros comicios galegos e europeos”.

Así, sosteñen que “a organización da revolta das comunidades rurais debe continuar pulando por acordos amplos que doten de voz o mundo rural. Polo noso futuro e os bens comúns, polas nosas parroquias, pola vida con dignidade no medio rural e nas vilas e cidades interiores. Afondaremos nos retos comúns na Asemblea de Chantada, a sexta, reforzados con novas agrupacións locais e co respaldo dos bons resultados acadados o 28 de maio”.

Falar do territorio en Bruxelas

Desde Interior Galego Vivo defenden que “chegou o momento de avanzar programática e organizativamente e, xa que logo, a cerna da VI asemblea será decidir se trascendemos o eido municipal para contribuír a conformar acordos amplos que nos permitan que os nosos territorios e problemáticas teñan voz en Compostela e en Bruxelas”.

Din que é necesario “tecer rede polo territorio e desde o diálogo construír na praxe un programa común e alternativas para actuar na instancia política a prol da nosa xente e da nosa Terra”.

Así, din que necesitan a todas as persoas interesadas porque precisan “compromiso e a intelixencia colectiva que nos permitirán avanzar animando a toda a cidadanía que partile as nosas inquedanzas a participar”.

A pesar das novidades, recalcan que os valores de IGV “fican incólumes” e que son unha formación política e social “para facer fronte ao despoboamento das nosas parroquias; para confrontar os desequilibrios territoriais e a degradación e supresión de servizos que deterioran as condicións de vida das nosas xentes e que negan oportunidades á mocidade; mais tamén unha formación que ergue e defende alternativas e un novo modelo de desenvolvemento máis equilibrado e xusto”, conclúen.